O PP de Foz critica a demora na concesión de licenzas de obra por parte do goberno local

Foz
AMariñaXa
Os populares denuncian que os veciños levan meses agardando polas licenzas prometidas por Cajoto e pídenlle que xestione a cesión de solares do Sareb para vivenda social
Javier-Castineira-PP
19 Feb 2025

O Partido Popular de Foz censura a xestión do alcalde, Fran Cajoto, en materia de vivenda e denuncia que os veciños levan meses agardando polas licenzas de obra prometidas. "Dime de que presumes e direiche de que careces", afirman os populares focenses, tras escoitar ao rexedor anunciar a concesión de tres ou catro licenzas para vivendas unifamiliares.

O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, critica que "o anuncio de Cajoto parécese máis a unha copla do Entroido ou do ‘touporroutou’ que a unha verdadeira política de vivenda, algo co que non se debería xogar, pois é un dos principais problemas da sociedade". Segundo Castiñeira, o alcalde debería pedir desculpas aos veciños afectados pola demora na concesión das licenzas, que lles impide construír as súas vivendas cos seus propios recursos.

Ademais, o PP insta a Cajoto a xestionar coa Administración central a cesión dos solares do Sareb para que o Concello poida promover vivenda social a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Os populares reclaman menos anuncios "inútiles" e máis accións concretas que permitan aos veciños acceder a unha vivenda digna e desenvolver os seus proxectos de vida en Foz.

⚙ Configurar cookies
0.17103004455566