O PP de Foz critica a actuación do Concello tras as inundacións provocadas polo temporal

O Partido Popular de Foz cuestiona a actuación do Goberno municipal socialista ante os efectos do temporal dos últimos días e acusa o executivo local de actuar tarde na limpeza das infraestruturas. A formación critica que os traballos na rede de sumidoiros, nas reixas e nas cunetas se estean realizando despois de que as chuvias provocasen inundacións que afectaron a veciños, familias e negocios.
O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, considera que esta situación evidencia, ao seu xuízo, unha "falta de dilixencia" e reprocha ao Goberno local que non adopte medidas ata que os problemas xa se producen. "Parécenos unha falta de respecto total que o equipo de goberno, os socialistas de Foz, se poñan agora a limpar a rede de sumidoiros e as cunetas unha vez que pasou a tormenta", afirmou.
Castiñeira asegura que o Concello dispuxo de todo o verán para acometer estas tarefas antes da chegada do outono e dos temporais. A este respecto, centra parte das súas críticas nas parroquias, onde asegura que "as cunetas están abandonadas".
"Non vale agora, despois de ter todo o verán para limpalas, poñerse a limpar as cunetas unha vez pasado o temporal", sinalou o portavoz popular. Segundo engadiu, tanto os veciños como o propio grupo da oposición advertiran previamente sobre esta situación.
Os efectos do temporal tamén se deixaron notar, segundo o PP, no núcleo urbano de Foz. Castiñeira sinala que varios veciños e negocios sufriron inundacións e tiveron que dedicar "dous ou tres días" ás tarefas de limpeza das súas vivendas, tendas e locais.
"Os veciños e os negocios do centro urbano tamén se viron inundados e non foi porque non o avisaran", explicou o voceiro popular, que insiste en que estas situacións foran comunicadas previamente.
Neste contexto, Castiñeira cuestiona a "nula escoita activa" que atribúe ao Goberno municipal e reclama que o mantemento das infraestruturas ocupe un lugar prioritario na xestión local. Segundo sinala, entre as principais demandas dos veciños das parroquias están a conservación das estradas, das infraestruturas e do alumeado.
"O que verdadeiramente nos piden os veciños das parroquias é mantemento das estradas, das infraestruturas, do alumeado... E nese ámbito o que existe é un abandono total", denuncia.
O PP de Foz cualifica de "neglixencia" e "mala praxe" a actuación do Concello e reclama que se pase dunha resposta posterior aos problemas a unha política baseada na prevención e no mantemento previo de vías e infraestruturas.
Finalmente, o Partido Popular de Foz trasladou o seu apoio ás familias, veciños e negocios afectados polo temporal e polas inundacións.