O PP de Foz alerta de máis de 800.000 euros en facturas sen pagar

Foz
AMariñaXa
Os populares acusan ao executivo socialista de abuso de contratos verbais, falta de control e prexuízos ás empresas proveedoras
Javier-Castineira-PP
22 Apr 2025

O Partido Popular de Foz volve cargar contra a xestión económica do equipo de goberno municipal, tras coñecerse un informe de intervención que recolle múltiples reparos administrativos. Segundo denuncian os populares, o Concello acumula máis de 811.000 euros en facturas sen abonar correspondentes ao ano 2024, moitas delas emitidas por servizos xa prestados.

A formación liderada por Javier Castiñeira denuncia que máis de 700 destas facturas presentan irregularidades na contratación, como a utilización reiterada de contratos verbais, a ausencia de procedementos administrativos adecuados e o fraccionamento de contratos co fin de eludir procesos de contratación pública con libre concorrencia.

“Estamos ante un auténtico despropósito na xestión administrativa”, sinalou Castiñeira, quen lembra que esta situación xa foi advertida anteriormente polo PP. Subliña ademais que as empresas afectadas levan meses, e mesmo máis dun ano, sen recibir o pagamento polos seus servizos, o que está a xerar unha situación de afogo para moitos provedores locais.

O problema, segundo os populares, agrávase aínda máis ao comprobar que estes pagos pendentes serán cargados aos orzamentos prorrogados do ano 2025, dado que o goberno local aínda non presentou un novo orzamento para o presente exercicio. Isto provocará que partidas como a de festas ou comunicación se vexan comprometidas antes de comezar o verán. “As facturas das festas do 2024 comerán o orzamento do 2025, polo que as empresas contratadas este ano terán que agardar ata o seguinte para cobrar”, advirte Castiñeira.

Desde o grupo municipal popular reclaman ao alcalde maior responsabilidade, transparencia e cumprimento da legalidade, tal e como tamén esixe o interventor municipal. “É hora de asumir erros e deixar de botar balóns fóra culpando ao persoal técnico”, sentenza Castiñeira.

⚙ Configurar cookies
0.15670609474182