O PP de Foz acusa a Cajoto de improvisación e critica o “fracaso total” do plan de mobilidade

O voceiro do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, cualificou de “fracaso total” o plan de mobilidade impulsado polo alcalde, Fran Cajoto. Segundo denunciou, as medidas adoptadas polo Goberno local non só non melloran o tráfico, senón que están a provocar máis desorde circulatoria, riscos para a seguridade viaria e un gasto adicional innecesario para as arcas municipais.
Como exemplo, puxo a rúa Alfonso X, onde o Concello acomete obras para modificar o sentido da circulación. Para os populares, estes cambios van contra o propio plan aprobado polo Executivo local e demostran que se trata dun proxecto “feito a correr, sen previsión e cun custo económico excesivo”. Castiñeira reprochou que “o alcalde teña que corrixir decisións que el mesmo tomou, o que supón gastar máis cartos públicos sen mellorar a vida da xente”.
O voceiro popular tamén recordou actuacións “sen sentido” como o illote construída pouco antes do verán no cruzamento entre Illa Nova e Concello de Sarria, que “ninguén entende” e que agora xa foi levantada de novo, despois de que o firme destas rúas fora asfaltado recentemente. “Así está Foz: obras sobre obras novas, proxectos atrasados máis de dous anos e modificacións que contradín o plan de mobilidade que, segundo Cajoto, era tan bo”, criticou.
Outro punto que preocupa ao PP é a rúa Eduardo Pondal, que pasará a ter sentido ascendente cara ao cruce da Telefónica con Salvador de Madariaga. “Este cambio é un perigo evidente”, advertiu Castiñeira, lembrando que se trata dun entrecruce moi transitado e con escasa visibilidade. “Salvador de Madariaga terá dous sentidos de circulación nun tramo moi curto, xusto ao pé da glorieta. Os camións van ter moitas dificultades para manobrar e estamos convencidos de que se converterá nun punto negro de tráfico”, dixo.
Castiñeira engadiu que estas actuacións coinciden cos traballos no barrio das Casas Baratas, que acumulan xa máis de dous anos de demora e un sobrecuste superior aos 150.000 euros. “Estamos ante un despropósito absoluto. Os veciños soportan atrasos continuos e un gasto disparado, mentres o Concello solapa novas obras que van afundir Foz nun caos circulatorio durante meses”, recalcou.
O PP lembrou tamén outros problemas derivados de actuacións municipais, como os atascos na avenida de Sarria, onde incluso autobuses escolares quedaron atrancados, ou as deficiencias detectadas nas rúas Irmandiños e Corporacións. “Todo isto demostra que Cajoto non ten un plan serio nin atende a quen coñece a realidade do tráfico. Só son parches improvisados que custan cartos e complican a vida dos veciños”, insistiu Castiñeira.
Os populares conclúen que o plan de mobilidade de Cajoto “naceu mal e está rematando peor” e instan ao rexedor a rectificar. “Non pode seguir malgastando os recursos dos focenses. É urxente que escoite á cidadanía e ás persoas que coñecen a realidade viaria de Foz antes de seguir improvisando”, rematou o voceiro popular.