O PP de Cervo acusa ao PSOE de utilizar a unha traballadora social “con fins políticos”

AMariñaXa
Culpan ao PSOE local de “xerar alarma social arredor dos Servizos Sociais municipais”
concello-de-cervo-edificio-1
13 Apr 2026

O PP de Cervo critica a postura do grupo municipal socialista tras rexeitar unha moción presentada polos populares sobre o financiamento do sistema de Atención á Dependencia. Segundo os populares, a iniciativa buscaba “defender” ás profesionais dos Servizos Sociais municipais, incluídas as traballadoras do SAF, “fronte a ataques inxustificados e evitar a súa instrumentalización política”.

Porén, o PSdeG non só rexeitou a moción, senón que alertou durante a sesión de “graves irregularidades” na xestión dos Servizos Sociais municipais, avaladas por un informe de inspección da Xunta de Galicia, e acusou ao goberno local do Partido Popular de “tratar de ocultar a realidade utilizando ás traballadoras do SAF como parapeto político”.

A portavoz socialista, Mª Luján Ramos, aseguraba que o problema “nunca foi o persoal”, senón que reside na xestión política do departamento: “Nunca puxemos en dúbida o traballo das profesionais. O que cuestionamos é a xestión do PP con este servizo público esencial”. Os socialistas puxeron o foco no contido da acta de inspección da Xunta de Galicia do pasado outubro, na que se detallan múltiples irregularidades no funcionamento dos Servizos Sociais municipais, un documento que, segundo o PSdeG, describe un sistema con graves deficiencias en tres ámbitos fundamentais: organización, xestión administrativa e falta de seguimento do servizo.

O PSdeG instou á alcaldesa e ao goberno municipal a facer público o informe completo da Xunta e a dar explicacións sobre o funcionamento do departamento, e decidiu posicionarse en contra da moción ao considerar que “parte dunha mensaxe simplista, interesada e incompleta”, criticando o “silencio absoluto” do texto sobre a Xunta de Galicia —administración con competencias directas na materia— e advertindo de que “non hai nin unha soa referencia ás listas de espera, á xestión dos recursos nin ás decisións políticas que afectan directamente ás persoas dependentes”.

A resposta do PP ante esta postura dos socialistas non se fixo esperar. Nun comunicado, os populares denuncian “a irresponsabilidade do PSOE local por xerar alarma social arredor dos Servizos Sociais municipais e por tentar utilizar politicamente tanto ás traballadoras sociais como ao conxunto do servizo”.

Explican que, durante o pleno, a alcaldesa pediu ao PSOE “rectificar e reverter o dano persoal e profesional causado a unha traballadora social, tras a utilización pública dunha reclamación puntual dunha familia —xa aclarada— que foi difundida en redes sociais e empregada politicamente para atacar o seu traballo”.

“Tiñan a oportunidade de rectificar e non o fixeron. Ao contrario, decidiron seguir utilizando politicamente o traballo dunha profesional, algo absolutamente inaceptable”, sinalou a alcaldesa, que considera que “lonxe de asumir esa responsabilidade, o PSOE optou por manter esa liña de actuación. Non só non rectificou, senón que persistiu no sinalamento e na utilización partidista do traballo dunha profesional, cruzando unha liña que non debería traspasarse en ningún caso”.

“Para fiscalizar a acción política non se pode utilizar nin aos traballadores públicos nin ás reclamacións dunha familia sobre a atención a unha persoa maior sen contrastar. Iso non é política responsable, iso é xerar dano”, asegura Dolores García, que considera “especialmente grave” que o PSOE “basee o seu discurso nunha reclamación puntual xa resolta, utilizándoa de forma interesada para sementar dúbidas sobre o funcionamento dun servizo esencial”.

Os populares cualifican de “manipulación” o argumento do PSOE ao escudarse, segundo din, nunha inspección da Xunta de Galicia correspondente a outubro de 2025, e aseguran que dito informe reflectía unha situación puntual derivada da baixa dunha traballadora social nese momento, circunstancia xa corrixida, ao igual que o resto das observacións. Porén, din, o PSOE “decidiu utilizar ese documento fóra de contexto para atacar o servizo e o seu funcionamento actual, en lugar de achegar solucións”.

O Partido Popular considera “inaceptable” que se poña en dúbida o traballo das profesionais “sen base técnica actualizada e que se constrúa un relato alarmista con datos descontextualizados”, e asegura que “non se pode xogar coa reputación dun servizo nin co traballo das profesionais utilizando informes descontextualizados. Hai que falar con rigor e con datos actuais”.

Ademais, afeá ao PSOE que, no mesmo pleno, tamén votase en contra doutra moción presentada polo PP que reclamaba ao Goberno de España que cumpra a Lei de Dependencia e asuma o 50% do financiamento do sistema, tal e como establece a normativa vixente.

“Por un lado critican o funcionamento dos servizos e, por outro, rexeitan esixir ao Estado os recursos necesarios para melloralos”, din os populares, que lembran que, en contraposición, o Concello de Cervo vén de adherirse á subida da achega da Xunta de Galicia ao servizo de dependencia, o que suporá un investimento de 937.724 euros nos vindeiros tres anos para o municipio.

0.1131489276886