O PP de Burela proporá no Pleno que o Concello devolva á congregación Hijas del Divino Celo

AMariñaXa
O PP de Burela proporá no pleno que o Concello devolva á congregación Hijas del Divino Celo a taxa da licenza das vivendas tuteladas
burela vivendas tuteladas congregación Hijas del Divino Celo
burela vivendas tuteladas congregación Hijas del Divino Celo
1 dic 2022

O Grupo Municipal Popular de Burela vén de rexistrar unha moción que se debaterá no Pleno ordinario da corporación local “a prol das vivendas tuteladas de emerxencia social que a congregación Hijas del Divino Celo Rogacionistas están tratando de poñer en marcha con moito esforzo e sacrificio en Burela. Concretamente, onde estaban as antigas vivendas dos mestres, a carón do colexio dos Castros”.

O Grupo Municipal Popular proporá no Pleno, a petición da propia congregación, que o Concello devolva a taxa da licenza cobrada, tal e como é habitual noutros concellos da Mariña e que os populares consideran que “é preciso e de xustiza”. Igualmente, consideran “necesario que o Concello faga unha aportación económica de 30.000 euros para garantir a execución do proxecto que, agora mesmo, pende dun fío; xa que se deben cumprir os prazos establecidos”. 

O voceiro, Manuel Rouco, sinala que “isto non debería ser un problema para o Concello; xa que é unha obra que vai quedar para o patrimonio municipal”. É, polo tanto, “unha boa oportunidade para que o goberno local deixe de facer unha mera propaganda publicitaria e materializar aquilo que pregoa, especialmente nun asunto tan importante e tan sensible”.

O popular explica que “este tipo de vivendas, que por circunstancias da sociedade actual son cada vez más necesarias, son un ben que acabará revertendo no concello, tal e como especifica o convenio asinado entre a congregación e o propio Concello”. Para os populares “isto supón un peldaño máis na obra social que esta congregación, asentada en Burela dende fai xa un par de décadas, está a levar a cabo de forma desinteresada”.