O PP de Burela critica o “desequilibrio crónico” nas contas municipais e pide un cambio na política económica

O grupo municipal do Partido Popular de Burela expresou a súa preocupación polo “desequilibrio económico constante” nas contas do Concello, asegurando que o goberno bipartito “gasta máis do que ingresa” e que esta tendencia “se converteu xa nun hábito nos últimos anos”. Os populares pregúntanlle á alcaldesa, López Moreno, se ten previsto “mudar a súa política económica” para evitar que a situación continúe agravándose.
Segundo explican, Burela pechou o exercicio 2024 cun déficit de 430.106,85 euros, situándose como o cuarto concello da Mariña con peor comportamento orzamentario e preto de entrar no “top 10” a nivel provincial. “Gastouse moito máis do que se ingresou, incumprindo de novo a regra de gasto”, sinalan.
O PP lembra que a actual rexedora é tamén responsable da área económica da Deputación de Lugo, “algo que resulta sorprendente vendo o estado das contas municipais”. Engaden que “nunca se recadara tanto no Concello de Burela como agora, trala suba de impostos e taxas”, pero que “aínda así se gastou máis do que entrou nas arcas locais”.
“Todos sabemos o que pasa cando nunha economía familiar se gasta máis do que se ingresa”, afirman os edís populares, lamentando que “esa mesma lóxica non se aplique cando os cartos son de todos os veciños”.
Desde o PP de Burela insisten en que as contas municipais non cadran e reclaman “maior rigor e responsabilidade” na xestión económica. “Advertimos hai tempo desta deriva e o tempo está a darnos a razón: Burela non pode seguir por este camiño sen poñer en risco os servizos públicos e a estabilidade financeira do municipio”, conclúen.