O PP de Burela anuncia accións tras acusar á alcaldesa de asumir competencias que corresponden ao Pleno

AMariñaXa
Os populares cuestionan a tramitación do último expediente de suplemento de crédito e aseguran que volveron detectar erros na documentación debatida no Pleno extraordinario
Burela-Manuel-Rouco-foto-2025
15 Jul 2026

O Grupo Municipal do PP de Burela anunciou que adoptará medidas para, segundo sinala, “restituír a legalidade subtraída” tras considerar que a alcaldesa, Carmela López Moreno, tomou decisións que son competencia do Pleno municipal.

O portavoz popular, Manuel Rouco, realizou estas declaracións despois do Pleno extraordinario celebrado o pasado luns, no que se aprobou un expediente de suplemento de crédito. Segundo explicou, o documento tiña como base o mesmo expediente que fora levado ao anterior Pleno ordinario e que quedara sobre a mesa sen chegar a votarse.

Desde o PP sosteñen que ese expediente debería terse sometido de novo á consideración do Pleno, ao entender que é o único órgano competente para aprobalo ou rexeitalo. Pola contra, aseguran que a alcaldesa desistiu do procedemento anterior mediante unha providencia de Alcaldía, unha actuación que consideran contraria ao ordenamento xurídico.

Os populares lembran que o expediente inicial foi retirado debido, segundo indican, aos “cuantiosos e numerosos erros” detectados na súa tramitación, con partidas económicas que, ao seu xuízo, “non tiñan ningún sentido”.

En relación co expediente finalmente aprobado grazas á maioría do equipo de goberno, o PP afirma que tamén localizou novas incidencias. Entre elas, sinala un incremento do gasto respecto ao documento anterior e a existencia dunha duplicidade de partidas por un importe aproximado de 45.000 euros, un erro que, segundo aseguran, foi corrixido tras ser advertido polos concelleiros populares durante a Comisión Informativa previa.

Manuel Rouco criticou ademais a actuación da alcaldesa, á que acusa de actuar con “prepotencia” ao asumir competencias que, ao seu entender, non lle corresponden. O portavoz popular considera que a rexedora actuou por riba das atribucións que lle confire a lei e defende que decisións deste tipo deben recaer no Pleno, “o máximo órgano de goberno do Concello e onde reside a soberanía dos veciños e veciñas de Burela”.

0.13247203826904