O PP de Burela acusa ao goberno local de “improvisación” e falta de rigor na xestión económica tras un pleno polémico

O Grupo Municipal do Partido Popular de Burela cargou con dureza contra o desenvolvemento do último pleno ordinario celebrado no municipio, ao que acusan de poñer de manifesto “a ausencia total de planificación e a improvisación constante” do goberno local encabezado pola alcaldesa López Moreno.
O portavoz popular, Manuel Rouco, afirmou que a sesión foi “un claro exemplo” do labor de control que exerce a oposición fronte á xestión municipal. Segundo explicou, o executivo pretendía aprobar un suplemento de crédito próximo aos dous millóns de euros para ampliar o orzamento vixente, pero o expediente presentaba, ao seu xuízo, “máis de corenta actuacións con erros e cifras que non cadraban”.
Rouco sostén que as contas “foron inconsistentes desde o primeiro momento” e que as discrepancias entre partidas obrigaron a revisar os datos durante o propio pleno. Finalmente, o goberno local optou por retirar o punto da orde do día tras as advertencias formuladas pola oposición.
Os populares tamén denunciaron irregularidades noutro expediente posterior, relativo a un crédito extraordinario, no que se incluían referencias ao documento previamente retirado. Esta situación provocou unha rectificación inmediata por parte do equipo de goberno para poder continuar coa sesión.
Para o PP, estes feitos evidencian “unha preocupante falta de rigor na xestión económica”. Rouco criticou ademais que a alcaldesa tentase responsabilizar á oposición dos erros detectados, algo que cualificou de “inxusto e impropio da súa responsabilidade institucional”.
O portavoz popular concluíu asegurando que nin o apoio técnico nin a asistencia de asesores evitan, ao seu entender, que o executivo municipal cometa fallos reiterados na tramitación dos expedientes.