O PP de Barreiros critica o abandono dos parques infantís e biosaudables do municipio

Os concelleiros do Partido Popular de Barreiros volveron denunciar o que consideran “un deixamento e unha falta total de preocupación” do goberno municipal polo estado das propiedades de titularidade pública, especialmente das áreas de xogo infantís e biosaudables. “A situación segue igual que en maio, cando xa advertimos destas deficiencias”, lamentaron.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, explicou que varios nais e pais transmitiron o seu malestar polo deterioro dos parques infantís, “que presentan numerosas deficiencias que continúan sen ser corrixidas”. Segundo apuntou, resulta especialmente preocupante o estado do parque situado nas inmediacións da escola infantil, onde o chan acolchado das zonas de recreo “ten múltiples fendas e está cuberto de herbas, co risco evidente de que algún neno meta o pé e se faga dano”.
Gómez Puente reclamou “unha actuación inmediata” para substituír o pavimento e garantir a seguridade dos máis pequenos. “É urxente corrixir todas as deficiencias desta zona de xogo para evitar accidentes e permitir que os nenos poidan divertirse con tranquilidade”, afirmou, lembrando que “xa hai dous meses” que nais e pais comunicaron á alcaldesa a necesidade de acometer estas melloras.
O portavoz popular tamén instou ao executivo local a limpar a fonte ornamental que se atopa no mesmo recinto, “chea de verdín e sucidade, o que ofrece unha imaxe de abandono e desleixo”. Engadiu que esta situación “non é acorde cun municipio que quere proxectar unha imaxe coidada e atractiva” e pediu ao goberno local “que actúe con responsabilidade e faga un mantemento regular das zonas públicas, especialmente das destinadas ao lecer dos veciños máis novos”.