O PP de Barreiros critica a inacción do Concello ante o peche do bar do centro social

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros afirman que “sete meses son un tempo máis que prudencial” para poder solucionar os problemas que presenta o bar do centro social que pechou en xuño do ano pasado e que non se volveu a sacar a licitación.
O voceiro municipal do PP, José Manuel Gómez Puente, explica que dende que a persoa que tiña anteriormente a concesión deixou a actividade non se volveu a abrir e, neste tempo, a alcaldesa “non fixo o seu traballo nin amosou interese por solucionar os problemas de humidades nin outras deficiencias que presenta esta instalación municipal”.
José Manuel Gómez Puente non entende como o Concello de Barreiros mantén pechada esta instalación sobre todo “porque era un lugar de xuntanza para os veciños e para facer moita vida social”.
Por iso insta á alcaldesa a poñerse de inmediato a solucionar os problemas de humidades e o resto de deficiencias para que poida volver a abrir as súas portas o máis axiña posible.