O PP de Barreiros alerta sobre o perigo no accesos á praia de San Bartolo

AMariñaXa
A preocupación do grupo popular céntrase principalmente na praia de San Bartolo, onde unha fosa representa un perigo
PP-de-Barreiros-praia-san-bartolo
10 Oct 2024

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros advertiron que, en caso de que se produza algún accidente nos accesos ás praias de San Bartolo e o Acantilado, o Goberno local será o responsable, xa que é a súa competencia garantir a seguridade. O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, expresou a súa sorpresa pola negativa do resto de grupos municipais a apoiar unha moción do PP no pleno celebrado o luns, que tiña como obxectivo principal asegurar a protección en zonas de risco.

A preocupación do grupo popular céntrase principalmente na praia de San Bartolo, onde unha fosa de tres metros de ancho e dez de profundidade, situada preto da escalinata de acceso, representa un perigo para veciños e turistas. Gómez Puente sinalou que o goberno local, liderado polo BNG, "mira cara outro lado" mentres persisten os riscos. Ademais desta fosa, hai outra máis pequena, tamén sen protección, nas proximidades do Hotel-Restaurante Acantilado.

O voceiro do PP critica a falta de medidas preventivas, insistindo na necesidade de instalar valados firmes para evitar accidentes, en lugar de empregar barreiras de plástico facilmente removibles. Gómez Puente advertiu que, se se produce algún incidente, o Concello podería verse na obriga de asumir responsabilidades pola súa "actitude irresponsable".

O PP tamén lamenta a tardanza de 15 meses na convocatoria dunha comisión informativa para tratar este asunto, o que, segundo Gómez Puente, é "unha clara evidencia da nula preocupación pola seguridade" do equipo de goberno local. O grupo popular leva meses presentando mocións e facendo visibles nas redes sociais os perigos nestas zonas, instando ao Concello a actuar con urxencia.

0.16437602043152