O PP de Alfoz levará ao Pleno tres mocións sobre persoal municipal, auga nas Oiras e toponimia

O Grupo Municipal Popular de Alfoz do Castrodouro levará á próxima sesión plenaria tres mocións nas que abordará a situación do persoal municipal, a necesidade de dotar de abastecemento de auga potable á parroquia das Oiras e a revisión da toponimia local. A formación tamén formulará varias preguntas ao goberno sobre diferentes asuntos da xestión municipal.
Un dos eixos das propostas será a situación dos recursos humanos do Concello. Segundo os datos recollidos no cadro de persoal que acompaña o orzamento de 2026, publicado no Boletín Oficial da Provincia de Lugo número 247, do 28 de outubro, a administración municipal dispón de 20 prazas, das que nove están vacantes.
Entre os postos sen cubrir figuran os de porteiro-operario, técnico de xestión, administrativo e arquitecto técnico, ademais doutras prazas de persoal funcionario e laboral. O PP considera que esta situación repercute na organización e no funcionamento dos servizos, e asegura que dificulta a atención á veciñanza que acode ao Concello para realizar consultas, presentar solicitudes ou resolver cuestións administrativas.
Os populares tamén poñen o foco nos servizos múltiples, onde, segundo o cadro oficial, tres das catro prazas existentes están vacantes. Trátase de dous postos de oficial de servizos múltiples, maquinista-condutor, ambos sen cubrir, e dunha das dúas prazas de operario de servizos múltiples-condutor.
A formación relaciona esta falta de persoal coas dificultades para acometer labores de conservación e mantemento dos espazos públicos, atender incidencias e dar resposta ás peticións dos veciños. Por iso, reclama explicacións sobre a planificación dos traballos e as previsións para cubrir os postos pendentes.
O grupo municipal tamén reclama unha revisión das retribucións e das condicións laborais dos empregados públicos. O PP sostén que determinados salarios recollidos na Relación de Postos de Traballo (RPT) non se axustan ás funcións, responsabilidades e carga de traballo que soporta o persoal nin á situación económica actual. Asegura que estas circunstancias poden dificultar a contratación de novos profesionais e favorecer que os traballadores busquen oportunidades noutras administracións ou no ámbito privado.
Neste contexto, os populares afirman que a retribución da alcaldesa aumentou máis dun 8 %, mentres que a do persoal municipal subiu un 4 %. Reclaman que se preste a mesma atención á mellora das condicións laborais dos empregados que, segundo sosteñen, se dedicou ao salario da Alcaldía. Ademais, piden aclaracións sobre o cumprimento do horario de presenza asociado á dedicación da alcaldesa.
A moción inclúe tamén a petición de que a regidora suspenda voluntariamente o cobro do seu salario, mediante os procedementos legalmente establecidos, mentres non se adopten medidas efectivas para resolver os problemas que, segundo o PP, afectan ao persoal municipal.
Outra das cuestións que abordarán será a conserxaría do CEIP de Alfoz. Os populares lembran que xa reclamaran no Pleno, hai máis dun ano, a cobertura da praza de porteiro-operario, que continúa vacante no cadro de persoal. Segundo indican, as funcións deste posto son equiparables ás tarefas de conserxaría que actualmente presta unha empresa externa no centro educativo.
O servizo contratado cobre 16 horas semanais, fronte ás 40 horas que o PP toma como referencia para unha cobertura municipal a tempo completo. A formación calcula que o custo por hora da prestación externalizada é un 250 % superior ao que resultaría de cubrir a praza municipal nas condicións salariais que considera. Por este motivo, pide información sobre a situación administrativa do posto, as tarefas asignadas, as necesidades horarias do colexio e a comparativa económica entre as dúas modalidades.
A segunda moción estará centrada na dotación de abastecemento municipal de auga potable á parroquia das Oiras. O grupo pide que se realicen os estudos técnicos necesarios, se elabore un proxecto e se busque financiamento para executar a infraestrutura. Os populares aseguran que durante o pasado verán algunhas familias tiveron que organizar quendas para utilizar a auga procedente de traídas privadas compartidas e defenden que esta actuación debe ser prioritaria fronte a outros investimentos, como a renovación da cuberta do pavillón municipal, cuxa urxencia cuestionan.
A terceira proposta busca promover unha revisión integral da toponimia de Alfoz, coa participación de especialistas e da propia veciñanza, para documentar e preservar os nomes tradicionais do municipio. Entre as denominacións que consideran que deberían ser estudadas figuran Bao de Mor, Vao de Lagoa e Granda de Mor, vinculada ao nome de A Seara.
Ademais das tres mocións, o Grupo Municipal Popular formulará preguntas sobre subvencións, proxectos municipais, posibles incumprimentos de prazos e outros asuntos relacionados coa actividade e a xestión do Concello.