O PP da Pontenova esixe ao alcalde que tome medidas para que a auga da traída deixe de estar turbia

AMariñaXa

O PP da Pontenova esixe ao alcalde que tome medidas para que a auga da traída deixe de estar turbia e que explique se é apta para o consumo.

12 ene 2023

O PP da Pontenova esixe ao alcalde que tome medidas para que a auga da traída deixe de estar turbia e que explique se é apta para o consumo.

"O municipio da Pontenova leva varias semanas sufrindo un grave problema que é que a auga que sae das billas está moi turbia, de maneira que entre a veciñanza esperta serias dúbidas acerca de que reúna as condicións para o seu consumo", así o pon de manifesto a xestora do PP, presidido por Concepción Novo, que esixe ao goberno local que dea explicacións as respecto e resolva o problema sen máis demora.

Os populares consideran inaudito que o goberno local non dera aínda explicación algunha de que motiva que a auga da traída estea tan turbia  e que non confirmara debidamente se é apta ou non para o consumo. Entre os veciños existe seria preocupación, tanta que son moitos os que evitan usar a auga da traída para beber ou cociñar.

No PP din que o goberno municipal é incapaz de adoptar as medidas necesarias para resolver o problema que fai que a auga da traída teña tan mal aspecto que suscita dúbidas en canto a que reúna as condicións mínimas para ser apta para o consumo. Os populares queren que o Concello dea a coñecer os resultados das analíticas máis recentes.