O PP da Deputación solicita participar na elaboración do orzamento anual

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os deputados populares piden participar na elaboración do orzamento da Deputación para 2023, para garantir o reparto de 104 millóns.
partido popular deputacion
16 sep 2022

Os deputados populares piden participar na elaboración do orzamento da Deputación para 2023, para garantir o reparto obxectivo nun ano “con máis cartos que nunca”: 104 millóns.

Chega o momento no que as diferentes administracións públicas teñen que elaborar, debater e aprobar, se é o caso, os seus orzamentos para o exercizo 2023. No caso da Deputación de Lugo, o portavoz popular, Javier Castiñeira, anuncia que o seu grupo quere participar na elaboración do plan económico para o próximo ano e destaca que “a Deputación de Lugo disporá de máis cartos que nunca para elaborar os orzamentos do ano 2023”. 

O portavoz popular explicou: “Neste caso, e segundo as previsións que ten a Federación de Municipios e Provincias, poderíase incrementar a participación nos tributos do Estado, é dicir os cartos que recibirá a Deputación de Lugo polos impostos que pagan todos os lucenses, ao redor dun 5% máis que o ano pasado. Se temos en conta que esa cantidade no exercizo pasado foi de arredor de 90 millóns de euros, pois moi probablemente se poida dispoñer de entre 4 e 5 millóns de euros máis para os orzamentos do 2023. Poderiamos falar dun orzamento provincial aproximado aos 104 millóns de euros, que é unha cantidade moi importante. Por iso o PP fai no día de hoxe un ofrecemento por escrito para participar na elaboración deses orzamentos”.

Castiñeira sinalou que o plan económico para o próximo ano é moi importante: “Por un lado, porque son os orzamentos da transición: remata a lexislatura e comeza outra nova, probablemente haxa un cambio de goberno, e, polo tanto, haberá dous gobernos que terán que xestionar este orzamento. Por iso queremos participar activamente. Tamén pola importancia do momento. Os concellos, especialmente os máis pequenos, están vivindo un momento moi complexo, cun alto custo para prestar servizos básicos e precisan da axuda da Deputación de Lugo (que non ten que prestalos), porque se ven moi afectados polo alto custo da enerxía. Falamos por exemplo do alumeado público, do saneamento, da potabilización e da recollida de lixo”.

Os populares queren “que o reparto sexa obxectivo e vaia directamente ás arcas dos concellos para suplementar eses sobrecustos que teñen debido á alta inflación”.  No PP intentan “que haxa partidas específicas e claras, porque, como é sabido, en todas as anualidades o goberno da Deputación de Lugo é pouco claro, pouco transparente, porque utiliza partidas xenéricas que ao final van destinadas a diferentes convenios con alcaldes da mesma cor política”.

Castiñeira indica: “Este é un ano electoral e non queremos que se faga electoralismo, como fixeron sempre os gobernos bipartitos da Deputación de Lugo; tememos que o vai intentar facer de novo o presidente Tomé”. Os populares pretenden “velar polos intereses de todos os lucenses e participar; por iso hoxe presentamos por escrito o noso ofrecemento e para non ter que saber dos orzamentos, como pasou o ano pasado, no Parlamento de Galicia”.

0.12185597419739