O PP da Deputación defenderá unha moción para ampliar o Museo Provincial do Mar en Cervo

AMariñaXa
Os populares instan á institución provincial a dar resposta ao compromiso co Concello de Cervo e asumir a xestión da futura ampliación en San Cibrao
PP-Museo-do-Mar-Cervo
26 Jun 2026

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno da Deputación unha moción na que instan á institución provincial a acometer a ampliación do Museo Provincial do Mar, situado en San Cibrao, no municipio de Cervo.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, sinala que se trata dunha proposta que, ao seu xuízo, “non debería xerar desacordos”, ao entender que o obxectivo é alcanzar “o mellor acordo posible en prol de poñer en valor unha parte fundamental da nosa cultura como provincia, o mar”.

A iniciativa solicita que se dea cumprimento ao compromiso existente e que se atenda a petición formulada polo Concello de Cervo, de maneira que a Deputación proceda á ampliación do museo unha vez que o municipio formalice a cesión dos terreos e do inmoble incorporados ao patrimonio municipal, así como que a institución provincial asuma a xestión da nova infraestrutura.

Ameijide lembra que o Museo Provincial do Mar de San Cibrao recolle a fonda tradición mariñeira da zona, con referencias á historia de pescadores e pescantinas, navegantes e cazadores de baleas, redeiras e carpinteiros de ribeira, ademais de incluír contidos vinculados á biodiversidade mariña, o que o converte, ao seu xuízo, nun “importante foco de interese cultural e turístico”.

Con todo, o edificio actual non dispón de espazo suficiente para expoñer a totalidade do legado que alberga, polo que a ampliación se considera necesaria para poder mostrar os fondos dispoñibles e mellorar a súa difusión.

O Concello de Cervo, segundo indica o portavoz popular, tería amosado xa o seu compromiso co proxecto a través das actuacións administrativas e urbanísticas necesarias, que concluíron coa incorporación ao patrimonio municipal dos terreos e do inmoble lindeiro destinados a esta ampliación.

“Son moitos anos de traballo por parte do Concello e da súa alcaldesa para cumprir coa súa parte do acordo”, subliñou Ameijide, quen considera que agora lle corresponde á Deputación dar o seguinte paso e posicionarse sobre o futuro da infraestrutura cultural.

O voceiro provincial do PP defende ademais que unha xestión unificada permitiría evitar a fragmentación da oferta cultural, garantir unha programación máis coherente e optimizar os recursos humanos e materiais, xerando economías de escala e reducindo duplicidades administrativas.

0.11928200721741