O PP critica ao alcalde Foz polo cambio de datas de celebracións consolidadas

Foz
AMariñaXa
O PP critica ao alcalde Foz polo cambio de datas de celebracións consolidadas e rexeita a queima do Entroido en Semana Santa
3 Abr 2023

O PP critica ao alcalde Foz, Fran Cajoto, polo cambio de datas de celebracións consolidadas e rexeita a queima do Entroido en Semana Santa e o traslado da festa do berberecho a mediados de abril.

"Dende que tomou posesión do cargo deixou moi claro que conceptos como planificación, organización e previsión son totalmente alleos a el. Son moitos os problemas que xerou por elo", di a concelleira popular Verónica Soto que asegura que “agora asistimos a outro fracaso absoluto de organización, a outro monumento á improvisación que non ten parangón na nosa localidade, nin noutra: a queima do Entroido na Semana Santa”.

Soto sinala: “A verdade é que o deste equipo de goberno é un caso a estudar. Unha vez máis, o alcalde consigue provocar o malestar de moita xente, que non seu día viu como non se queimaba o Entroido na súa data, sen ter ningunha razón. Traer este acto á Semana Santa denota a falta absoluta de plan e de organización mínima”.

A mesma concelleira considera que “outra proba máis de que este goberno  improvisa é a decisión de traer a festa do chícaro, a festa do berberecho ao mes de abril”. Nesta liña, di: “Estas tonterías son moi prexudiciais para Foz. O sentido da festa do berberecho era desestacionala das datas nas que hai máis xente e agora métese pouco despois da Semana Santa, xa na primavera, cando xa hai xente en Foz. Por riba fáiselle un evento do Combo Dominicano, que vai totalmente en contra da tradición desta festa”.

Os populares descoñecen “cales son os intereses que moven ao equipo de goberno a cambiar as tradicións do noso pobo, a cambiar as datas no Entroido, as datas da festa do chícaro, pero é un absoluto fracaso”. En todo caso, o PP anuncia que “cando goberne seguirá coas datas nas que se celebraron sempre”.

0.19146990776062