O PP condena “a falta de compromiso do Goberno de Sánchez” coa actividade de Alcoa
O PP condena, unha vez máis, “a falta de compromiso do Goberno de Sánchez” coa continuidade da actividade na planta de Alcoa na Mariña e o mantemento dos postos de traballo directos e indirectos tras anular a reunión da mesa de seguimento do acordo de viabilidade prevista para este luns 9 de decembro na que se debería tratar aspectos fundamentais sobre o futuro da factoría mariñá e que permitirían dar respostas aos traballadores.
A presidenta provincial e deputada no Parlamento de Galicia, Elena Candia, presidiu unha reunión na que participaron os senadores José Manuel Balseiro e José Manuel Barreiro, os deputados no Congreso Jaime De Olano e Cristina Abades, alcaldes e portavoces de concellos da comarca na que reivindicaron o cumprimento dos acordos no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados.
Os populares lamentaron “tanto as propias faltas de acción do Goberno de Sánchez que non está a cumprir o que promete como a falta de aclaracións nas respostas oficiais a preguntas dos senadores en relación a asuntos pendentes que contribuirían a garantir a viabilidade da planta e, polo tanto, á continuidade da súa actividade”.
Por unha banda, subliñaron que “a través das súas respostas recoñecen que a intención inicial do Goberno era que non participasen na mesa de seguimento ningún dos ministros implicados -Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e Industria e Turismo-; xa que explican que estará presidida pola Secretaria de Estado de Industria”. Neste sentido, lembran que “o presidente da Xunta manifestou a súa vontade de asistir para garantir que a reunión sexa do máximo nivel e forzar a asistencia tamén dos respectivos Ministros”.
En relación ás medidas para garantir un prezo da enerxía competitivo, que é un dos principais problemas desta industria como o propio Goberno recoñece nas súas respostas, “non podemos ser moi optimistas coa implicación do Goberno de Sánchez” toda vez que “resolveron fóra de prazo e, a pesar de que prometeron reverter a situación, seguen sen autorización os parques eólicos de competencia estatal” vinculados a contratos de longa duración (PPA) con Alcoa. “Recoñecen por escrito que, dende decembro do ano pasado no que caducaba o prazo, non fixeron nada por darlle solución”. É dicir, “desautorizaron as promesas do secretario xeral do PSOE galego”.
Sobre a modificación do estatuto para a industria electrointensiva, trasladan os populares, que “tampouco aclaran dende o Executivo cando estará aprobado nin en que condicións”. Do mesmo xeito, “non explican porque non esgota os instrumentos públicos de apoio a esta industria” coma a mellora das ferramentas de interrompibilidade ou establecendo a compensación máxima por CO2 permitida pola UE.
“O Goberno de Sánchez di que incrementou nun 25 % con respecto ao 2023 estas axudas ata os 300 millóns no 2024, moi lonxe dos preto de 900 millóns de euros que se corresponderían co 25 % dos ingresos por dereitos de emisión de CO2 que permite a Directiva Europea. As axudas que pon enriba da mesa do Executivo estatal non alcanzan nin a metade do permitido”, censuran.
Por outra banda, “o Goberno de Sánchez evita en todo momento aceptar unha posible intervención temporal e instrumental no caso de que, unha vez facilitadas todas as medidas necesarias para garantir a viabilidade da planta, fora preciso para manter a súa actividade”, expoñen. Á vista de que “incluso o PSOE votou en contra deste punto no Parlamento de Galicia rompendo a unanimidade coa que foran aprobados todos os anteriores; non podemos ser optimistas”.
Candia subliñou o apoio por parte do Partido Popular impulsando iniciativas nas distintas cámaras para esixir ao Goberno de España medidas para garantir a viabilidade da fábrica e que resultaron aprobadas no Congreso dos Deputados e, máis recentemente, no Parlamento de Galicia. Pola contra, na Deputación de Lugo PSOE e BNG tampouco apoiaron as reivindicacións do Grupo Popular “a pesar de que coinciden coas demandas dos traballadores”.
A través das iniciativas aprobadas no Congreso dos Deputados e no Parlamento de Galicia, o Partido Popular esixe responsabilidades en relación ao incumprimento dos compromisos adquiridos no acordo de viabilidade”. Os populares reivindican unha “implicación real do Goberno de Sánchez nunha solución real e efectiva que permita recuperar a actividade completa da planta en condicións de competitividade con respecto a outras industrias noutros países de Europa” e que, polo tanto, “se garantan os empregos directos e indirectos. Non pode ser que esta situación de incerteza se manteña no tempo e arredor de 2.000 familias da Mariña sufran esta situación cada Nadal”.