O PP chama a mobilizar o voto a Feijóo en catro concellos da Mariña

AMariñaXa
Francisco Conde, José Manuel Barreiro e Jaime de Olano participaron en varios mitins nos que defenderon a candidatura de Alberto Núñez Feijóo e expuxeron as súas críticas ao Goberno de Pedro Sánchez
PP-Mitin-Xove-2026
23 Nov 2026

Os candidatos do Partido Popular ao Congreso e ao Senado participaron este domingo en varios encontros electorais na Mariña, cunha axenda de actos en Ribadeo, Alfoz, O Valadouro e Xove. Os populares aproveitaron estas convocatorias para reclamar a mobilización do electorado a favor de Alberto Núñez Feijóo, ao que presentaron como unha "garantía para o cambio".

O candidato Francisco Conde asegurou que "Feijóo é o presidente que necesita España" e chamou á participación para que a provincia de Lugo teña un papel destacado no cambio político que defende a formación. Na mesma liña, José Manuel Barreiro criticou a xestión do Executivo central e afirmou que "o Goberno de Sánchez non cumpriu coa provincia e tampouco coa Mariña". O candidato ao Senado tamén puxo o foco na "honradez, decencia e traxectoria contrastada" de Feijóo.

Pola súa banda, Jaime de Olano abordou durante os encontros diferentes cuestións que considera pendentes na comarca. Entre elas, referiuse á situación industrial de Xove e á falta dun marco enerxético estable e competitivo para a planta de Alcoa, unha circunstancia que, segundo os populares, está a prexudicar o desenvolvemento económico de toda A Mariña.

De Olano tamén criticou a chamada á violencia que atribuíu a unha ministra socialista e cuestionou a actuación do Goberno de Sánchez en materia de protección das mulleres. Ademais, lembrou o compromiso de Feijóo coas pensións.

Co lema "O cambio necesario", os populares centraron así a súa campaña na comarca nas críticas á acción do Goberno central e na defensa da candidatura do expresidente da Xunta como alternativa política.

0.12948799133301