O PP censura a sanción de Tomé ao Concello por desbrozar vías provinciais en Ribadeo

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, criticou duramente a decisión do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, de sancionar ao Concello de Ribadeo por desbrozar as marxes das vías provinciais que estaban en mal estado e representaban un risco para a seguridade dos veciños e veciñas, especialmente no verán. Ameijide considera "inaudito" que a Deputación quite cartos ao Concello que poderían ser utilizados para mellorar os servizos e acometer melloras en beneficio da cidadanía.
Durante unha rolda de prensa, na que estivo acompañado dos deputados José Pardo e Jesús Núñez, Ameijide expresou a súa repulsa ao “sectarismo do goberno provincial de PSOE e BNG” ao impoñer unha sanción pecuniaria de 25.000 euros ao Concello de Ribadeo, por desbrozar 7,5 km de marxes de vías provinciais de acceso ás praias. A medida responde á desatención por parte da Deputación, que non actuara a pesar das repetidas peticións municipais e as queixas dos veciños sobre a situación das estradas.
Ameijide tamén sinalou que a Deputación de Lugo non ten control sobre a súa propia rede viaria, pois recoñeceron pola prensa que non sabían que esas vías foran limpas. Engadiu que Tomé actuou de forma tardía e descoñecía que os traballos de desbroce xa estaban finalizados cando ordenou a paralización.
O portavoz popular tamén cuestionou a redución da sanción de 43.750 euros a 25.000 euros, explicando que o Concello presentou dúas alegacións nas que defendeu a súa actuación, e acusou ao presidente da Deputación de mentir ao afirmar que non se presentaron alegacións.
Ameijide rematou destacando que as actuacións realizadas polo Concello non eran ilegais nin graves, senón que eran necesarias para garantir a seguridade vial nas estradas de acceso ás praias. “Non se cumpren as condicións para cualificar a infracción como moi grave, porque desbrozar é unha actuación autorizable e recomendable”, afirmou.