O porto comercial e corsario protagonizará o III Ribadeo Ilustrado 2023

AMariñaXa
Do 9 ao 11 de xuño celebrarase o III Ribadeo Ilustrado. Haberá representación musicais, teatrais e conferencias
II Ribadeo ilustrado 2022 1
II Ribadeo ilustrado 2022 1
2 Xuño 2023

O III Ribadeo Ilustrado terá lugar do 9 ao 11 de xuño. Esta edición estará dedicada ao porto comercial e corsario. O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, deu a coñecer detalles da programación esta mañá.

O edil ribadense explicou que “do 9 ao 11 de xuño chega a terceira edición do Ribadeo Ilustrado, que neste 2023 estará dedicado ao porto comercial e corsario. No salón de plenos do Pazo de Ibáñez vanse desenvolver unha serie de conferencias que incidirán na importancia do comercio marítimo e da pesca no Ribadeo dos séculos XVIII e XIX, do esplendor téxtil do noso concello tamén no século XVIII, así como da actividade corsaria desa época. Sen esquecernos do Ribadeo de hai 300 anos, visto polos ilustrados”.

Vizoso Galdo contou que “a programación deseñada para esta terceira edición do Ribadeo Ilustrado inclúe, como dicía, interesantes charlas e conferenciantes, actuacións musicais e actividades para as nenas e os nenos. Para as crianzas o sábado, 10 de xuño, no Campo de San Francisco ás 20:30 horas con Molto Barraco. E o domingo teremos unha actividade para as familias no Forte de San Damián. Trátase dunha visita teatralizada ás sete da tarde e a continuación haberá un concerto de cámara a cargo de Dumka”.

O concelleiro de Turismo subliñou que “unha das novidades deste ano será a representación da tonadilla Los gustos estragados o sábado a mediodía. As tonadillas eran representacións breves cantadas que se facían nos intermedios das comedias. Xurdiron a mediados do século XVIII e chegaron a ser moi populares en todo o mundo hispánico. E o domingo teremos un paseo teatral e musical polo Ribadeo Ilustrado no que participarán diferentes asociacións ribadenses, así como agrupacións musicais, culturais e teatrais”.

Pablo Vizoso engadiu que “temos un menú estupendo para gozar do III Ribadeo Ilustrado. Quero animar a ribadenses e visitantes a disfrutar da programación desta cita coa nosa historia, que nos levará a viaxar por unha das épocas históricas de maior relevancia no nosa vila”.

Polo III Ribadeo Ilustrado pasarán conferenciantes como Alberto Paraje Méndez, Xosé Ramón Leal Bóveda, Javier Gándara Feijóo, Montserrat Capelán, Xoán Carmona Badia e Xoán Ramón Fernández Pacios.

Programa Ribadeo Ilustrado 2023
0.078881025314331