O podcast Folcast mergúllase no legado musical tradicional da Mariña

A riqueza do asociacionismo mariñao centrado na música tradicional é o fío condutor do segundo episodio de Folcast, a serie de podcast promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para dar voz á tradición oral e musical da provincia. Esta nova entrega, xa dispoñible en Spotify, pon o foco na Mariña a través dun percorrido polas recentes Xornadas Etnográficas celebradas en San Miguel de Reinante e San Cosme de Barreiros, no concello de Barreiros.
As xornadas foron organizadas pola asociación Tecedeira, impulsada por Sara García, natural de Ourol, e Xacobo Ares, de Ribadeo. A través das entrevistas realizadas, Folcast amosa o compromiso de diversas entidades e persoas co folclore e a transmisión interxeracional da cultura popular da comarca.
Un dos protagonistas destacados deste episodio é o colectivo O Arco da Vella, entidade folclórica con sede en Reinante que celebra este ano o seu 45 aniversario. No podcast participan Quique Penabad, un dos fundadores da agrupación, e Iria Penabad, representante da segunda xeración e integrante das Adufeiras de Salitre. Ademais, inclúese unha entrevista co grupo Tumba e Dálle, moi vencellado ao Arco da Vella e a outras asociacións da contorna.
O episodio recolle tamén as reflexións de Xiana Teixeiro, etnomusicóloga de Foz, que durante as xornadas presentou un estudo sobre as comparsas mindonienses Os Veiga e Os Pacheco. Completan as intervencións Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, e Dani García, concelleiro no municipio e tamén responsable de Mocidade na Deputación de Lugo.
Outras voces presentes nesta entrega son as de Tania Fernández, integrante do grupo A Chocolateira da Pontenova, e Manuel Rodríguez Calviño, arqueólogo e investigador do téxtil en Galicia, comisario da exposición Tecedeiras, que tamén formou parte das xornadas.
A serie Folcast, ideada por Branca Villares e Xosé Gago, irá publicando nos vindeiros días novos fragmentos deste episodio e contidos adicionais a través de Spotify. A través das súas entregas, este proxecto pretende divulgar o patrimonio inmaterial da provincia, dando espazo aos saberes e voces que mantiveron viva a tradición musical galega.