O pleno do Vicedo reúne propostas socialistas e nacionalistas para mellorar o municipio

O pleno ordinario do Vicedo celebrado o 25 de novembro serviu para que os grupos municipais do PSdeG e do BNG trasladasen ao goberno local numerosas propostas, peticións e críticas sobre diferentes necesidades do municipio. Os socialistas conseguiron aprobar as dúas mocións que levaron á sesión, mentres os nacionalistas aproveitaron a cita para facer balance do traballo desenvolvido desde o inicio do mandato en 2023 e presentar un amplo catálogo de demandas.
O Grupo Municipal Socialista sacou adiante unha iniciativa centrada no reparto dos fondos procedentes do Canon da Auga e sinalou a necesidade de que os orzamentos da Xunta de Galicia incorporen actuacións que respondan ás necesidades do Vicedo. Esta segunda moción incluíu unha emenda presentada polo goberno local que, segundo o PSdeG, podería terse evitado cunha lectura e interpretación máis precisa do texto inicial. A pesar das discrepancias, os socialistas aceptaron a modificación para priorizar, segundo explicaron, os intereses da veciñanza.
O grupo socialista tamén formulou varios rogos relacionados coa xestión municipal. Entre eles, pediu elaborar unha ordenanza para regular a publicidade electoral e instalar paneis específicos nas parroquias, así como distribuír as actividades sociais e culturais por distintos puntos do municipio, evitando que se concentren sempre nos mesmos lugares.
Outras peticións tiveron que ver co mantemento de espazos públicos, como a reposición de luminarias, a reparación dos elementos de madeira e a revisión do burato situado baixo a pasarela do paseo entre O Varadoiro e Moledos. O PSdeG reclamou igualmente un mantemento periódico das pasarelas, paradas de autobús e mobiliario urbano, así como unha solución definitiva ás filtracións de auga no pavillón Jesús Manuel Bellas "Kubala", utilizado polo alumnado do colexio e nas actividades extraescolares.
Durante a sesión, os socialistas preguntaron tamén polos avances para abrir o Centro de Día, polo estado do proxecto do Fuciño do Porco e polas medidas que se prevén adoptar ante os problemas de abastecemento de auga en diferentes zonas do municipio.
Outro dos asuntos abordados foi a titularidade do tramo da estrada LU-P-6405 comprendido entre o cemiterio e o transformador. Segundo o PSdeG, o alcalde manifestou inicialmente que non tiña clara a titularidade deste treito, pero finalmente o pleno aprobou instar á Deputación de Lugo a aceptar a súa cesión e acometer a mellora da vía. Os socialistas valoraron a aprobación como un paso en favor dos habitantes do municipio e definiron a sesión como un "pleno histórico" no que, aseguran, demostraron que se pode facer unha oposición útil mediante propostas e solucións.
Por parte do BNG, o portavoz municipal, Miguel Gómez Fraga, presentou un balance das iniciativas promovidas desde 2023 e insistiu na necesidade de afrontar problemas demográficos, económicos e de prestación de servizos. Entre as propostas figura o plan integral "Rexurdir O Vicedo", orientado a frear a perda de poboación, favorecer o asentamento de veciñanza e dinamizar a economía. A formación tamén defende recuperar as marcas municipais para impulsar a promoción turística e comercial e apoiar o emprendemento mediante o Plan Emprende Terras do Sor.
No ámbito agroganadeiro, os nacionalistas reclaman melloras na recollida de plásticos agrícolas e a creación dun Centro Galego de Valorización destes residuos no Vicedo. Tamén piden acondicionar pistas rurais, arranxar cunetas e reforzar a limpeza para facilitar o acceso da maquinaria ás explotacións, trasladar periodicamente a ITV móbil agrícola á zona da Bandeira e promover a incorporación de tecnoloxías ás granxas. Entre as súas propostas figuran igualmente o recoñecemento do municipio como zona de agricultura de montaña e a creación dun punto de desinfección para o transporte de animais vivos.
En materia sanitaria, o BNG demanda a cobertura de todas as prazas médicas do centro de saúde para garantir unha atención primaria estable. A formación reclama tamén que o Centro de Día se incorpore ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para poder abrir e prestar atención, e insta a desbloquear os trámites e conseguir o financiamento necesario para a súa posta en funcionamento.
As propostas afectan igualmente aos espazos públicos, ao porto e á xestión dos residuos. O grupo nacionalista plantexa construír un novo parque na contorna da rúa Francisco Vilasuso, como espazo de lecer e refuxio climático, e reclama intervencións para resolver problemas de mantemento e mellorar a seguridade das instalacións portuarias. Ademais, pide crear un Punto Limpo municipal e reforzar a recollida de lixo mediante a instalación de contedores e a construción de bases adaptadas ás necesidades das parroquias.
O abastecemento de auga e o saneamento ocupan tamén un lugar destacado no balance do BNG. A formación denuncia carencias en parroquias como Cabanas, Riobarba e Mosende, onde asegura que non existe unha subministración municipal de auga en condicións de igualdade, así como problemas derivados da ausencia de redes de saneamento en amplas zonas rurais. Ante os episodios de seca e falta de caudal, reclama un plan de choque para garantir o abastecemento á veciñanza e ás explotacións, con investimentos específicos e implicación doutras administracións.
No ámbito turístico, os nacionalistas defenden a elaboración dun Plan de Desenvolvemento Turístico Integral e Sostible que permita ordenar o crecemento, reducir a estacionalidade e poñer en valor o patrimonio natural e cultural do municipio, ao tempo que se reforzan os servizos municipais durante os meses de maior afluencia.
Ao remate do balance, o BNG sostén que boa parte destas propostas continúan sen resposta e que persisten carencias estruturais que condicionan o futuro do Vicedo. A súa intervención incluíu tamén preguntas sobre a cobertura médica, o Centro de Día, posibles actuacións da Xunta no porto, os fondos anunciados para o canon de Sogama, a cabalgata de Reis e a recollida de plásticos agrícolas.