O Pleno do Concello aprobará os pregos para licitar a xestión do ciclo integral da auga en Ribadeo

AMariñaXa
O Pleno do Concello aprobará este xoves, día 16, os pregos para licitar a xestión do ciclo integral da auga en Ribadeo
hospital asilo ribadeo
hospital asilo ribadeo
15 feb 2023

O Pleno do Concello aprobará este xoves, día 16, os pregos para licitar a xestión do ciclo integral da auga en Ribadeo. Suporá melloras na calidade auga de consumo, con dous novos e modernos sistemas de ozonización, ademais da eliminación de subprodutos da desinfección. Ampliarase a capacidade de auga almacenada en mais do dobre cun novo deposito de 4.660 m3  E está prevista tamén a ampliación da capacidade hidráulica da ETAP de Vilarbetote.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “logo do remate previsto para o vindeiro mes de marzo do actual ciclo de concesión da auga e saneamentos municipais en Ribadeo que tivo inicio hai 25 anos, no 1998, desde o Concello lévase moito tempo planificando técnica e xuridicamente a mellor xestión do novo ciclo da auga, saneamento e depuración para un novo período”.

O rexedor contou que “se estiveron estudando tecnicamente aqueles aspectos materiais e técnicos onde se deben reforzar as infraestruturas e os procedementos para dar un mellor servizo a toda a cidadanía que recibe este servizo básico municipal. Neste novo paso que temos por diante, o Pleno do Concello tratará a aprobación dos Pregos Técnicos e Administrativos para a próxima licitación do contrato do ciclo integral da auga de Ribadeo por un prazo de 20 anos”.

Suárez Barcia indicou que “a preocupación municipal polo ciclo integral da auga inclúe a necesidade de ir mais aló, buscando a excelencia, en diversas cuestións como a calidade da auga de consumo, a renovación das antigas canalizacións de fibrocemento, a separación de augas pluviais e residuais, a redución de perdas e fugas, a dixitalización na recollida de datos de consumo e aforro, a diminución das roturas e a creación de depósitos de auga tratada”.

O alcalde relatou que “todas estas accións enmárcanse nunha nova xestión mais racional e tecnolóxica, pero igual de responsable que ata o de agora,  dos recursos hídricos e o respecto á biodiversidade. Neste sentido, son proxectos aliñados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas (ODS 6, “auga limpa e saneamento”) e coas políticas europeas, concretamente co GreenDeal, un acordo entre todos os Estados Membros para canalizar unha transición verde.  Doutra banda, o impacto de nova lexislación no sector, como a Lei 1/2022, do ciclo integral da auga, ou a nova lei de auga de consumo RD 3/2023, obrigan o Concello de Ribadeo a unha xestión mais profesional e integral do ciclo da auga. Por iso, neste novo concurso recóllense aspectos e infraestruturas que melloran e amplían o anterior contrato, coma a extensión do servizo a varias parroquias de Trabada, así como unha serie de fosas sépticas e bombeos de augas residuais que carecían do axeitado mantemento”.

Fernando Suárez subliñou que “o futuro contrato levará aparelladas unha serie de inversións moi necesarias, como o novo depósito de 4.660 m3 de capacidade, que permitirá asegurar o subministro de auga, aínda en caso de rotura da acometida xeral ou fallo no subministro de enerxía eléctrica. Tamén lle damos moita importancia á calidade da auga de consumo, que cos novos sistemas de ozonización que mellorará o sabor e fará desaparecer os posibles olores da auga tratada, eliminando calquera resto de materia orgánica e outros contaminantes da auga bruta sen xerar subprodutos que poidan prexudicar a saúde dos consumidores. Esta moderna tecnoloxía, mais aló das exixencias legais, colocará a Ribadeo na vangarda das técnicas de potabilización, equiparando a calidade da auga municipal á dos mellores servizos de abastecemento de Europa”.

O rexedor engadiu que “a inversión mínima prevista para o concesionario ascende a 3.200.000 euros, e a esta cantidade poden engadirse mais inversións dependendo das propostas dos licitantes. Ademais do anterior, cómpre destacar no novo concurso o novo paquete de ferramentas informáticas que permitirán ao Concello un estreito control da evolución da concesión, o desempeño do novo concesionario, a calidade da auga, e a dispoñibilidade do recurso”.

Vizoso e Suarez (ciclo auga)