O Pleno de Viveiro rexeita unha moción do PSOE sobre a continuidade do cinema no municipio

O Pleno da Corporación municipal de Viveiro abordou na sesión celebrada onte unha moción presentada polo Grupo Municipal do PSOE co obxectivo de garantir a continuidade da actividade cinematográfica no municipio a través de acordos culturais puntuais. A iniciativa non prosperou ao non acadar o respaldo maioritario dos grupos representados na Corporación.
Durante o debate, desde o Goberno municipal explicouse que o voto en contra non responde a unha falta de apoio á cultura nin ao cinema, senón á formulación da propia moción. Segundo expuxeron os responsables do Executivo local, a proposta instaba o Concello a intervir de maneira directa nunha actividade de natureza privada, unha actuación que consideran allea ás competencias municipais.
O Goberno local incidiu tamén en que o texto presentaba contradicións, ao recoñecer por unha banda que a actividade cinematográfica é privada e que as administracións públicas non deben asumir investimentos nese ámbito, mentres que, ao mesmo tempo, solicitaba unha mediación activa do Concello para garantir a continuidade do servizo.
Desde o Concello indicouse, así mesmo, que a empresa responsable da actividade xa cesou a súa actividade, polo que a moción partía dunha situación que non se corresponde coa realidade actual. Neste sentido, o Executivo municipal asegurou que as xestións en marcha céntranse en facilitar que, no futuro, a actividade cinematográfica poida recuperarse, favorecendo o interese de novas empresas ou operadores que poidan investir en Viveiro.
O equipo de Goberno quixo salientar tamén a súa aposta polo cinema e pola cultura a través de iniciativas xa en funcionamento, como a programación dun obradoiro de cine incluído nas actividades dirixidas ás persoas maiores, impartido por Manolo Gómez, profesional recoñecido con dous premios Goya.
O Concello de Viveiro reafirmou finalmente o seu compromiso coa promoción cultural e coa dinamización do municipio, apostando por accións que contribúan a ampliar a oferta cultural e a fomentar a participación da veciñanza.