O Pleno de Viveiro aproba hoxe uns orzamentos de 13,1 millóns de euros

AMariñaXa
O pleno ordinario desta tarde no Concello de Viveiro aprobará os Orzamentos Municipais grazas ao acordo co grupo Por Viveiro.
presentacion orzamento 2021 viveiro
6 Apr 2021

O pleno ordinario desta tarde no Concello de Viveiro aprobará previsiblemente os Orzamentos Municipais para o exercicio 2021, grazas ao acordo establecido entre o equipo de goberno e o grupo municipal Por Viveiro, dando deste xeito continuidade aos xa pactados en 2020.

Son uns orzamentos de emerxencia, nos que se primou a axuda social e enfocados a atender ás consecuencias sanitarias e económicas derivadas da pandemia provocada polo covid-19.

O montante do orzamento deste exercicio 2021 ascende a 13,1 millóns de euros, un millón de euros menos que no 2020, tanto en ingresos como en gastos. Tal e como se explicou na Comisión Informativa de Economía e Facenda, unha gran parte desta redución está motivada polo cambio de taxa por tarifa nos recibos da auga e lixo, que foi aprobado en pleno en base á lexislación vixente.

Outra parte desta redución no orzamento deriva da obra xa realizada en base á sentenza referida ao inmoble situado na rúa Nicolás Cora Montenegro, 50. Ao tratarse dunha baixada idéntica no capítulo de gastos e ingresos, isto non afecta á prestación de ningún servizo.

Entre as diveras partidas, cómpre destacar que o Concello mantén as axudas a asociacións culturais e deportivas. En subvencións nominativas a clubs deportivos inclúense un total 57.300 euros a repartir entre 23 asociacións ou entidades deportivas. Para eventos deportivos organizados por estes colectivos, recóllense 31.000 euros. No eido cultural, recóllense 41.000 euros

Entre as subvencións nominativas, tamén se inclúe unha á Asociación de Familias de Enfermos de Alzheimer, consignando un total de 15.000 euros.

Seguindo na liña do exercicio anterior, vamos seguir apoiando o tecido empresarial de hostelería e comercio coa concesión de dúas subvencións, por un importe total de 15.000 euros, ás asociación comerciais do municipio (10.000 para a Asociación do Centro Comercial Histórico e 5.000 euros para a Asociación Beiras de Viveiro) para campañas promocións comerciais (ademais das que poida realizar o propio concello para todo o tecido comercial), así como tamén coa exención xa aprobada en pleno da modificación das ordenanzas 13 e 6, eximindo da taxas pola instalación de terrazas na hostalería e dos pagos das licenzas por novas actividades ou por cambio.

En relación ao Plan de Reactivación Económica iniciado o pasado ano, nos orzamentos de 2021 incluímos unha cantidade de 200.000 euros, con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo, destinada a subvencións para a axuda a establecementos de hostalería e comercio en xeral. Unha parte irá destinada soamente a hostalería, que está previsto que se faga a través dun convenio coa Xunta de Galicia, dentro do segundo Plan de Rescate autonómico, no que se incluirá unha partida propia do Concello de Viveiro. O importe das axuda que o Concello de Viveiro concederá a cada hostaleiro ascende a 1.000 euros.

Outra parte irá destinada a aqueles comercios e establecementos que, por diversos motivos, non puideron beneficiarse e acadar as subvencións convocadas por este concello no pasado exercicio, incluídos aqueles que o ano pasado non podían optar a estas axudas e tamén aqueles que, solicitándoas, nese momento non cumprían os requisitos, concedendo un importe de 850 € a cada beneficiario desta liña de axudas.

Neste Plan de Reactivación Económica tamén se entenden incluídas as exencións das ordenanzas referidas; a contía destinada a emerxencia social, que ascende a 45.000 euros e o acordo coa empresa concesionaria do servizo de auga para non cobrar o recibo de auga e lixo para os locais que estiveron pechados forzosamente pola pandemia durante dito periodo. O próximo día 9 de abril de 2021 poranse ao cobro os recibos dos servizos de abastecemento de auga potable, sumidoiros, depuración de augas residuais e recollida de lixos, correspondentes ao primeiro trimestre de 2021. O desconto os establecementos pechados neste primeiro trimestre farase efectivo no cobro dos recibos correspondentes ao segundo trimestre deste servizo.

Cómpre destacar, finalmente, que estes orzamentos inclúen a cantidade de 200.000 euros para o Servizo de Atención ao Fogar, con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo.

Trátase, en conxunto, dun orzamento de máis de 13 millóns de euros, cun forte incremento no gasto social e unha nova liña de axudas para os sectores máis afectados pola pandemia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16959285736084