O Pleno de Viveiro aborda hoxe convenios, servizos municipais e diversas demandas veciñais

AMariñaXa
A sesión incluirá propostas de Alcaldía, mocións políticas e rogos sobre seguridade viaria, alumeado e riscos de inundación
viveiro-letras-xardins-noriega-varela
4 Feb 2026

O Concello de Viveiro celebra este mércores 4 de febreiro, ás 19.30 horas, a sesión ordinaria do Pleno municipal no Salón de Sesións da Casa Consistorial. No caso de non acadarse quórum na primeira convocatoria, a sesión quedaría fixada para dous días despois, á mesma hora.

Na orde do día figura a aprobación das actas correspondentes ás sesións celebradas o 29 de decembro de 2025 e o 14 de xaneiro de 2026. O Pleno debaterá tamén varias propostas da Alcaldía, entre elas a solicitude de adhesión a un convenio para optar á cooperación da Xunta de Galicia ao abeiro do Decreto 115/2017, a adhesión ao convenio con Seaga e a aprobación da estrutura de custos para a futura contratación dos servizos enerxéticos relacionados co alumeado público e cos edificios municipais.

A sesión incluirá dúas mocións presentadas polos grupos da oposición. Por unha banda, o PSOE defenderá unha iniciativa orientada a garantir a continuidade da actividade cinematográfica en Viveiro mediante acordos culturais puntuais. Pola outra, o BNG levará ao Pleno unha proposta centrada nas consecuencias que a entrada en vigor do novo regulamento europeo de control da pesca pode ter para a frota artesanal galega.

No apartado de control darase conta das resolucións da Alcaldía e presentarase o informe económico relativo ao cuarto trimestre de 2025, que recolle datos sobre estabilidade orzamentaria, período medio de pagamento e morosidade. A sesión rematará coa quenda de rogos e preguntas.

Neste punto, o Grupo Municipal Socialista trasladará varias peticións relacionadas co estado da vía pública e dos servizos municipais. Entre elas, alertará da deterioración do firme na rúa Camiño Real–Prolongación do Rego da Fonte, en Celeiro, onde os afundimentos e baches son recorrentes, así como dos riscos derivados da circulación indebida en sentido contrario. Tamén solicitará actuacións de mantemento en parcelas con vexetación abundante próximas a vivendas, polo perigo que supoñen en episodios de vento ou ante un posible incendio.

O PSOE pedirá ademais solucións aos socavóns detectados no Ponte Maior ou Ponte da Misericordia e nas súas inmediacións, así como á situación dalgunhas alcantarillas afundidas tanto na contorna de Viveiro como na travesía de Covas. Outro dos rogos centrarase no mantemento do alumeado público, reclamando reforzos externos para axilizar a reposición de luminarias fundidas en distintos puntos do municipio.

Pola súa banda, o concelleiro de Por Viveiro, Manuel Galdo Dopico, presentará dous rogos. O primeiro refírese ao mal estado do aparcadoiro da Avenida de Ferrol, diante do edificio Ría de Viveiro, onde as numerosas fochancas supoñen un risco para os usuarios. O segundo está relacionado co recente desbordamento do río Landro na zona de Landrove, tras as intensas choivas da borrasca Joseph. Neste caso, solicita que o Concello xestione ante Augas de Galicia medidas de limpeza e mantemento do leito e das ribeiras para reducir o risco de futuras riadas.

⚙ Configurar cookies
0.076735973358154