O Plan Avanza Rural de Ribadeo inviste 82.000 euros en melloras viarias en Remourelle

AMariñaXa
O proxecto en Remourelle inclúe actuacións en Fornos-Pesegueiro e o entorno da escola, dentro dun plan global de 685.000 euros
Imaxe de Remourelle
16 sep 2024

O Concello de Ribadeo continúa co seu Plan Avanza Rural, que chega estes días á parroquia de Remourelle cunha inversión de 82.000 euros. Así o anunciou o alcalde, Dani Vega, quen destacou o compromiso do goberno local por mellorar a rede viaria municipal.

O alcalde explicou que o Plan Avanza Rural conta cun orzamento total de 685.000 euros, financiados en boa parte pola Xunta de Galicia e tamén con fondos propios do concello. “Agora estamos actuando en varios puntos de Remourelle, como Fornos-Pesegueiro, e no entorno da escola. Non se descarta que teñamos que facer intervencións de emerxencia en vías prioritarias se fose necesario”, sinalou Vega.

O rexedor tamén apuntou que, ademais de Remourelle, estanse levando a cabo traballos de mellora en Santalla de Vilaousende e Ove, e que a estrada da Costa, cun orzamento de 370.000 euros, está en proceso de licitación.

Dani Vega subliñou que a suma total de inversións neste primeiro ano de mandato ascende a 685.000 euros, financiados pola Deputación de Lugo a través do Plan Único e pola Xunta de Galicia mediante a Consellería de Medio Rural. O alcalde recoñeceu que non será posible actuar en todo o concello de inmediato, pero reiterou o compromiso de seguir programando inversións en todas as zonas ao longo do tempo.

Finalmente, Vega asegurou que aínda que non é posible intervir a maior velocidade, continuarase mellorando a rede viaria do municipio mediante labores de mantemento, como o bacheo anunciado recentemente para estradas en boas condicións pero con desperfectos localizados.

0.10259294509888