O Picato renova a súa directiva para continuar impulsando a vida cultural en Trabada

AMariñaXa
A asociación mantén o seu compromiso coa organización de actividades sociais, festivas e culturais ao longo de todo o ano
asociacion-cultural-o-picato-trabada-2026
18 May 2026

A Asociación Cultural O Picato de Trabada vén de renovar a súa xunta directiva coa intención de seguir fortalecendo a programación cultural e social que desenvolve na localidade ao longo do ano. A entidade, moi activa na dinamización da vida veciñal do municipio, continuará apostando por iniciativas destinadas a públicos de todas as idades.

A nova directiva estará presidida por José María Fernández Vázquez, acompañado na vicepresidencia por Alejandro Jartín Pacio. Ana Amor Ramallal asumirá as funcións de secretaria, mentres que Mercedes Rey Iglesias ocupará o cargo de tesoureira.

Completan o equipo directivo como vogais Hugo Varas, Servanda Yanes Cancio, María Soledad González Reigosa, Anastasia Quintana Fernández, Javito Villagarcía Río, Cristina Ledo Rey e Rosa Gómez Fernández.

Dende a asociación sinalan que o obxectivo principal seguirá sendo promover actividades que fomenten a participación veciñal e contribúan a manter viva a actividade cultural en Trabada. Ao longo dos últimos anos, O Picato consolidouse como unha das entidades máis dinámicas do municipio grazas á organización de numerosas propostas festivas e culturais.

Entre as iniciativas que promove destacan o concurso de decoración de Nadal, as celebracións do Entroido, sesións de contacontos, o certame organizado con motivo do Día das Letras Galegas ou a Festa da Primavera, ademais doutras actividades orientadas á convivencia e á participación social.

A asociación afronta esta nova etapa coa intención de continuar ampliando a súa programación e reforzando o vínculo coa veciñanza, mantendo o espírito participativo que caracteriza á entidade dende a súa creación.

0.11807513237