O Pescados Rubén firma un convenio coa federación de fútbol
A Real Federación Galega de Fútbol e o Pescados Rubén Burela FS continúan tecendo fíos en favor do crecemento do fútbol sala. Así, ambas as entidades veñen de asinar un convenio de colaboración co que, entre outros obxectivos, se pretende promover este deporte e facer especial fincapé na formación e tecnificación deportiva entre os membros da entidade da Mariña.
O acordo, que tamén ten como meta establecer o apoio técnico e a oferta formativa da RFGF para os técnicos e xogadores/as do club laranxa, formalizouse o sábado pasado no pavillón Vista Alegre, coincidindo co triunfo ligueiro do conxunto de Juanma Marrube ante Viña Albali Valdepeñas (3-2). Xunto ao presidente do Comité Galego de Adestradores e director da Escola, Iván Cancela, e o presidente do Pescados Rubén Burela, Manuel Blanco, como protagonistas da sinatura, tamén participaron no acto o vicepresidente da RFGF, Carlos Méndez, o máximo responsable do fútbol sala na Federación, Pablo Prieto, e o vicepresidente laranxa, José Luis Sáez.