O Pescados Rubén Burela FS feminino a polo galardón irmandiño na Coruña

TerraChaXa | AMariñaXa
18 Abr 2019

O Palacio dos Deportes de Riazor agarda as Guerreiras Laranxas no primeiro título en xogo para o Pescados Rubén Burela, coa XIII Copa Galicia (20 e 21 de abril), que pelexará sen tregua para traer para A Mariña o que se convertería no quinto trofeo irmandiño do equipo para borrar a última experiencia de liga e recuperar forzas nunha tempada na que aínda hai moito por escibir.  “O resultado do sábado, en liga (1-2 Futsi), foi un pau para todas, pero temos que pasar páxina e centrarnos no que temos diante. Agora só estamos centradas en Copa Galicia; é o primeiro título que nos xogamos e para nós será moi importante gañalo, non só por conquistar o máximo recoñecemento galego, senón tamén para recuperar confianza e boas sensacións para completar a liga”, explica Luci.

Pescados Rubén Burela FS medirase en semifinais ás anfitrioas, Viaxes Amarelle FSF. Os outros dous candidatos ao título serán Ourense Envialia e Cidade das Burgas. “Vai estar todo moi rifado. Nós enfrontámonos á ilusión do anfitrión e a outra semifinal estará protagonizada por un derbi que eu coñezo moi ben, con máxima rivalidade; a pesar de que As Burgas agora está en Segunda nese tipo de partidos pode pasar de todo”, adiantaba así a ex do Ourense, pletórica por vivir a Copa na súa cidade.

Aos seus 27 anos, a ala laranxa terá que superar o primeiro obstáculo ante outro dos seus antigos equipos. “O noso obxectivo é chegar á final e loitar polo título, pero só podemos pensar en semifinais. Amarelle sairá moi intenso, está facendo ben as cousas en liga, loitando por seguir fóra do descenso. Chegará con toda a ilusión de facer un gran papel en Copa, coa motivación extra de estar diante da súa afección, e non nolo van poñer nada doado”, advertía Luci, convidando a toda a afección a gozar deste grande evento: “É un dos mellores escenarios, en Riazor, fronte á praia e coa numerosa e magnífica afección que hai na Coruña ao fútbol sala. Espero que sexa unha festa e que nós fagamos algo bonito”.

O cadro de Julio Delgado e Lucas realizará o último adestramento da semana o venres ás 12.00 horas en Vista Alegre. A única ausencia asegurada será Cris, que foi intervida onte exitosamente do seu xeonllo.

Entradas
O abono para toda a competición ten un prezo de 8 euros e entrada por xornada ascende ata os 5 euros. Os menores de 14 anos accederán gratis ao recinto con invitación e acompañados por un adulto.

A venda anticipada de entradas xa está dispoñible en www.amarellefsf.com

0.20309400558472