O persoal do Hospital da Mariña suspende as concentracións diarias pero mantén viva a loita

A Xunta de Persoal do Hospital da Mariña decidiu este venres dar por rematadas as concentracións diarias que viña mantendo desde o 9 de abril, pero lonxe de supoñer un punto final, este anuncio abre unha nova etapa de mobilizacións. “Non nos imos a cansar”, advirten, decididos a continuar na rúa “as veces que faga falta” para defender unha sanidade digna.
Durante 38 xornadas consecutivas, reclamaron melloras urxentes: máis profesionais en todas as categorías, reforzo nos servizos médicos, fin das derivacións ao HULA e a hospitais privados, e solucións reais ás listas de espera. A mobilización logrou a visita do conselleiro de Sanidade, pero non as respostas que esperaban. “Só se conseguiron parches temporais”, denuncian.
Entre os avances, mencionan o reforzo de especialidades como uroloxía, cardioloxía, medicina interna ou rehabilitación, así como a incorporación dunha técnica de farmacia, unha vella demanda ignorada durante anos. Tamén reclaman a recuperación da Área Sanitaria propia e máis prestacións no hospital, como logopedia, neuropsicoloxía, cirurxía vascular ou implantación de marcapasos.
Agradecen o apoio veciñal ás concentracións e denuncian a retirada dunha pancarta artística que simbolizaba a unidade da comarca. A loita segue. “Estaremos vixiantes. E se non hai solucións reais, volveremos á rúa”.