O persoal da Escola Infantil Municipal de Cervo actualiza a súa formación en soporte vital e primeiros auxilios

O Concello de Cervo continúa reforzando a formación do seu persoal municipal coa posta en marcha dun novo curso de reciclaxe en soporte vital básico e manexo do desfibrilador externo semiautomático (DESA), unha acción dirixida nesta ocasión ás profesionais da Escola Infantil Municipal.
A iniciativa busca que o equipo educativo manteña actualizados os seus coñecementos para actuar con rapidez e eficacia en caso de emerxencia sanitaria, mellorando así a seguridade nun servizo no que a atención e o benestar da infancia constitúen unha prioridade.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, visitou a sesión formativa e puxo en valor a importancia de seguir investindo na preparación do persoal municipal. Segundo destacou, a formación continua tradúcese nunha mellora da calidade dos servizos públicos e permite ofrecer unha resposta máis eficaz ante situacións imprevistas que requiran unha actuación inmediata.
Durante o curso, as participantes combinaron contidos teóricos con exercicios prácticos centrados nas técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP), na utilización correcta do desfibrilador externo semiautomático e na aplicación dos protocolos recomendados para actuar diante dunha parada cardiorrespiratoria, seguindo as directrices máis actuais en soporte vital básico.
A formación conta coa acreditación da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) e da Sociedade Española de Reanimación Cardiopulmonar (SERCP), dúas entidades de referencia no ámbito da formación en emerxencias sanitarias.
Desde o Concello subliñan que este tipo de iniciativas permiten manter actualizado o persoal municipal e reforzar a súa preparación para afrontar situacións críticas, contribuíndo a ofrecer un servizo público máis seguro, eficiente e adaptado ás necesidades da cidadanía.