O pequeno comercio de Lugo sorteará un coche híbrido para incentivar as compras nos establecementos locais

O pequeno comercio da provincia de Lugo contará cun novo incentivo para atraer clientes nesta época do ano. A Federación de Comercio de Lugo e a Federación Galega de Comercio presentaron este xoves en Burela a campaña 'O gran sorteo do pequeno comercio de Lugo', que terá como premio un vehículo híbrido e busca fomentar as compras nos establecementos de proximidade.
A presentación tivo lugar pola mañá na Praza do Concello de Burela e contou coa participación do presidente da Federación de Comercio de Lugo e da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; a presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López; e o deputado de Promoción Económica, Pablo Rivera.
No acto tamén estiveron presentes Eva Luaces, presidenta de ACIA Burela, e Lina Gómez, concelleira de Comercio e Cultura, ademais doutros representantes municipais e da asociación local de comerciantes.
A iniciativa pretende canalizar o consumo das familias cara ao comercio local nun período entre dúas campañas comerciais importantes, a volta ao cole e o Nadal. A organización aposta así por un premio de atractivo para os consumidores como fórmula para incentivar as compras e reforzar a actividade dos negocios de proximidade.
Seijas destacou o carácter da proposta como unha iniciativa para fortalecer o tecido comercial, impulsar a economía provincial e promover a participación dos consumidores. O presidente da Federación de Comercio subliñou que os establecementos locais son os que achegan vida, emprego e riqueza ás vilas.
Tamén explicou que, ante o incremento xeralizado do custo da vida e as dificultades económicas das familias, a campaña busca dar un impulso ás compras no sector mediante un premio de especial atractivo. O vehículo híbrido foi escollido, segundo indicou, pola súa capacidade para chamar a atención dos consumidores e polo seu carácter sostible.