O Pazo de San Marcos acolle a exposición Rompe, xoga en igualdade
A deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto, xunto á deputada de Igualdade en funcións da Deputación de Pontevedra, Isaura Abelairas Rodríguez, participaron no Pazo de San Marcos na inauguración da exposición Rompe, xoga en igualdade. A mostra conta con 18 paneis e vitrinas coas recoñecidas bonecas Barbie que foron intervidas para mostrar situacións de desigualdade, discriminación e violencia, aínda están presentes na sociedade. A exposición poderá visitarse no Pazo de San Marcos, ata o 31 de xullo, en horario de luns a venres, de 09:00 a 21:00 horas.
García Porto sinalou que “temos o pracer de acoller e desfrutar na nosa cidade desta mostra, pertencente á Deputación de Pontevedra, que por primeira vez sae da provincia pontevedresa, para así contribuír a reivindicar a igualdade entre homes e mulleres. Esta exposición é unha ferramenta para visibilizar unha problemática social e unha lacra que, desgraciadamente, aínda está moi presente na actualidade. Desde a Deputación ofrecemos o Pazo de San Marcos, a casa de todos os lucenses, para crear un espazo de concienciación e diálogo”.
Rompe, xoga en igualdade
Esta exposición itinerante, vangardista e rompedora, foi creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Trátase dunha mostra de poesía visual na que o obxecto fala por si mesmo, as bonecas elixidas para o proxecto interviñéronse para amosar situacións de desigualdade, violencia e discriminación e recalcar a importancia do xogo na educación e a formación de nenas e nenos, así como a transmisión de valores. As bonecas expostas transmiten valores sexistas que se reproducen nos xogos, dirixindo en gran medida as condutas das nenas e dos nenos.