O pavillón Vista Alegre de Burela estreou novo vídeo marcador
O pavillón Vista Alegre de Burela estreou novo vídeo marcador a pasada fin de semana. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, agradece a subvención concedida pola Secretaría Xeral para o Deporte e o traballo realizado por Manuel Otero, xefe provincial de Deportes. O edil asegura que con este vídeo marcador e a nova iluminación esta instalación dá un salto de calidade. O equipo de goberno xa traballa no cambio de pista, que prevé realizar para o vindeiro ano 2022.
Ramiro Fernández Rey dixo que “esta fin de semana tivemos a posibilidade de estrear novo vídeo marcador no pavillón Vista Alegre. É un vídeo marcador de última xeración que nos dá múltiples opcións para levar tanto os tanteos como as faltas e todo aquilo relativo co xogo dos diferentes deportes”.
O concelleiro burelés subliñou que “temos que agradecerlle neste caso á Secretaría Xeral para o Deporte, que nos concedeu unha subvención do 80% do prezo do marcador que ascendía a 25.803,71 euros, a Secretaría Xeral para o Deportes subvencionounos con 20.000 euros e os 5.803,71 restantes foron a cargo do Concello de Burela. Quero agradecer esta axuda e especialmente ao xefe de Deportes de Lugo, Manolo Otero Cadramón, unha persoa que sempre ten esa atención con Burela e cando xurdiu a posibilidade deste marcador, que se puxo en varios pavillóns da provincia, contou con Burela, penso que obxectivamente pola transcendencia que ten sobre todo o fútbol sala aquí. Repito que quero agradecer a Manolo Cadramón ese xesto que tivo con nosoutros, desde logo a colaboración tanto persoal neste caso como institucional está sendo boa e creo que é lóxico e merecido recoñecerlle a Manolo este xesto que tivo con Burela”.
O edil comentou que “estreamos o novo vídeo marcador este fin de semana, o sábado co partido do Burela FS e o domingo tivemos un campionato de baloncesto. Viñeron xogar aquí as seleccións tanto cadete como infantil feminina e masculina das federacións galega e asturiana, que servía para a preparación do campionato de España”.
E engadiu: “quero agradecer neste caso ao Club Baloncesto Burela a gran organización que tivo para levar a cabo este campionato durante toda a xornada do domingo. Tamén aproveitamos para que o alcalde, Alfredo Llano, lles dera un recordo á federación asturiana e á federación galega e desde Burela prestámonos a acoller todos aqueles campionatos que vexan conveniente poder celebrar, porque ofrecemos tanto as instalacións como o apoio tanto ao Club Baloncesto Burela como ás distintas federacións para que poidan celebrar aquí campionatos. O domingo houbo moita xente en Burela derivada deste campionato e penso que é bo tanto a nivel deportivo como a nivel económico pois a hostalería sae beneficiada de todos estes acontecementos deportivos. Creo que agora mesmo o pavillón Vista Alegre é moi axeitado para facer este tipo de competicións e con este marcador dámoslle un salto de calidade ás instalacións, e seguiremos a traballar para seguir mellorándoas”.
Fernández Rey anunciou que “estamos traballando para facer un cambio de pista no pavillón Vista Alegre que esperemos poidamos facelo ao longo do ano que ven, temos un presuposto destinado para iso e xa estamos traballando para realizar o proxecto para facer ese cambio de pista. Como dicimos sempre o deporte para nós é moi importante, tanto para min persoalmente como para o alcalde, e demostrámolo con feitos. Seguimos investindo nas instalacións mellorándoas para que se poida practicar deporte da mellor maneira posible. Agora mesmo, con este marcador e co cambio de iluminación que fixemos no pavillón Vista Alegre, o salto de calidade é importante e seguiremos traballando de cara ao futuro en mellorar as instalacións”.