O pavillón Torques de Foz acollerá unha velada de kickboxing o 20 de abril

Foz
TerraChaXa | AMariñaXa
2 Abr 2019

O pavillón polideportivo focense Torques, de Marzán, acollerá unha velada de kickboxing o día 20 deste mes, sábado, a partir das 20:30 horas. Este evento foi presentado cun acto no que participou o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira.
A Delegación de Xuventude do Concello focense explica que “na Semana Santa do ano 2018 fixemos a primeira toma de contacto con este deporte, que nos deixou moi satisfeitos e este ano repetimos con melloras e xente local. Despois do éxito da primeira velada, Vanessa Ares, impulsora da mesma creou o club Foz Contact Ari, do que tamén é adestradora, para que todas aquelas persoas que lles gustara o boxeo ou o kickboxing puidesen aprender e practicalo. En menos de 8 meses xa son unha vintena, desde os 8 ata os 53 anos. O primeiro club de kickboxing presidido por unha muller conta con xente de Foz, Mondoñedo, Burela, Ribadeo e Vegadeo, amosando o interese deste deporte na nosa comarca, non só por parte de homes senón con presenza de mozas”.
Ademais destacan que “a velada deste ano contará con varios alicientes: será sede da Liga Galega de Kickboxing; poderemos ver 8 combates, entre os que teremos a dous loitadores focenses, Pablo Rey e Aaron Cortés, ademais de Iago Ríos e Beni Córdoba, tamén pertencentes ao club Foz Contact Ari. De Foz sairán 3 campións da Liga Galega e gozaremos das modalidades de Lowkick, K1 e Full Contact. E non só iso, a nosa campioa galega de Lowckick, Vanessa Ares, protagonizará un combate internacional contra Ceu Maceda. Necesitamos o alento e os ánimos dos veciños e veciñas de Foz para que sexa unha gran noite para os/as nosos/as. Ademais, de 16:30h a 19:30h o noso pavillón terá portas abertas para que todas as persoas que o desexen poidan ver pequenos combates, así como unha exhibición dos/as máis pequenos/as do club local. As entradas anticipadas estarán á venda desde mañá, martes, 2 de abril, na cafetería Húcar, de Barreiros, e na Casa da Xuventude de Foz. Os prezos serán: 12 euros na grada e 14 euros en silla. O mesmo día da velada tamén se poderán adquirir no pavillón, a 14 euros na grada e 16 euros en silla”.

0.195063829422