O pavillón polideportivo de O Vicedo poderá levar o nome de Jesús Manuel Bellas “Kubala”

O Concello de O Vicedo debaterá no vindeiro pleno municipal unha iniciativa para cambiar a denominación do pavillón polideportivo da localidade. A proposta do Goberno local pasa por poñerlle o nome de Jesús Manuel Bellas López, coñecido popularmente como “Kubala”, veciño moi querido e referente do deporte no municipio.
Segundo explican dende o executivo local, trátase dun recoñecemento á súa ampla implicación no ámbito deportivo ao longo de moitos anos. O alcalde salientou que “Kubala” participou activamente en numerosas iniciativas relacionadas co deporte, colaborando de maneira desinteresada coa mocidade e apoiando especialmente aos rapaces que comezaban a practicar fútbol sala nas ligas libres.
Ademais, foi socio fundador do equipo de fútbol sala de O Vicedo a finais da década dos noventa, contribuíndo de forma decisiva á consolidación desta disciplina no concello. A súa paixón polo deporte tamén o levou a xogar en distintos clubs da comarca e doutras zonas próximas.
Ao longo da súa traxectoria deportiva, militou en equipos como o Cañoles, o Landrove ou o Ortegal, ademais de defender as cores do Club Xove Lago, o Cervo, o Viveiro Atlético e a Unión Deportiva Folgueiro. Para o Goberno local, a posible nova denominación do pavillón suporía “un xusto homenaxe a unha persoa que fixo do deporte unha ferramenta de convivencia, esforzo e compañeirismo”.