O Parlamento galego pide ao Goberno medidas para garantir a permanencia de Alcoa

AMariñaXa
Con actuacións como a autorización dos parques eólicos de competencia estatal que subministrarán á factoría
Elena-Candia-no-Pleno-02
4 Dec 2024

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España actuacións que garantan a permanencia da factoría de Alcoa na Mariña lucense, entre as que figuran a presenza dos ministros de Industria e de Transición Ecolóxica na reunión da Mesa de Seguimento do pacto de viabilidade convocada para o vindeiro día 9 de decembro ou a autorización dos parques eólicos de competencia estatal que prevén subministrar a esta factoría. Así mesmo, a iniciativa aprobada inclúe, segundo indica o PP, a pesar de que o PSdeG non o apoio este punto, que o Goberno central active a intervención pública temporal e instrumental de Alcoa no caso de que todas as accións previstas non teñan un resultado positivo.

A través desta proposición non de lei, defendida pola deputada popular Elena Candia, o Parlamento de Galicia traslada o apoio aos traballadores e traballadoras que, directa ou indirectamente, vénse afectados pola situación de incerteza da fábrica de alúmina e aluminio de Alcoa na Mariña lucense e amosa a súa solidariedade polas familias afectadas.

AXUDAS PÚBLICAS

Así mesmo, os populares demandan ao Goberno central, unha vez convocada a mesa de seguimento do pacto de viabilidade para o día 9 de decembro, a participación na mesma dos titulares dos Ministerios de Industria e Turismo e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Presidente da Xunta, que xa anunciou a súa vontade de asistir se o facían os citados ministros.

Tamén se esixe o aumento da dotación orzamentaria das axudas de compensación de custes de emisións indirectas de CO2 ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea, así como autorizar, sen máis dilación, os parques eólicos de competencia estatal vencellados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos que prevén subministrar á factoría mariñá.

Outro dos puntos da iniciativa parlamentaria aprobados por unanimidade fai referencia á necesidade de articular unha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta, no mesmo sentido que as que recibiron outras empresas tamén declaradas estratéxicas polo Estado, así como modificar o Estatuto do Consumidor Electrointensivo para crear a figura das empresas hiper-electrointesivas e deseñar mecanismos de apoio específicos ou reforzados que atendan ás necesidades especiais desta figura.

A proposición non de lei pide, ademais, articular unha interrumpibilidade que aproveite a capacidade destas industrias para funcionar como colchón nos picos de consumo de enerxía e estudar todas as accións legais e institucionais que garantan os compromisos adquiridos por parte das distintas administración e de Alcoa, en particular, aqueles previstos no acordo de viabilidade ou, alternativamente, os que se puideran pactar entre empresa e traballadores no marco do proceso de negociación.

O PP SINALA AO VOTO EN CONTRA DE PSOE E BNG NA DEPUTACIÓN

No pleno pasado, segundo indican os populares, o PSOE e BNG votaron en contra dunha moción do Grupo Provincial Popular para reclamar ao Goberno central a convocatoria da mesa de seguimento do acordo de Alcoa de forma urxente (convocatoria que se fixo efectiva dous días despois do pleno da Deputación de Lugo), autorizar os parques eólicos vencellados a subministración de enerxía á planta e a desenvolver medidas para garantir a viabilidade da fábrica: aumentar ata o máximo permitido para as industrias electrointensivas as axudas por compensacións de CO2 e articular liñas de axudas públicas, igual que outras empresas consideradas estratéxicas para o Estado.

Unha situación ante a que o vicevoceiro provincial do PP, Demetrio Salgueiro, sinala que se ve claramente “unha falta de apoio total ao traballadores” por parte do goberno da Deputación de Lugo, provincia na que está asentada a empresa.

Un voto en contra que “hoxe se entende aínda menos”, explicou Demetrio Salgueiro, tras ver como no Parlamento galego, e por unanimidade de todos os grupos, aprobouse unha proposición non de Lei na que se insta aos titulares dos Ministerios de Industria e Turismo e para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a participar na mesa de seguimento do acordo de Alcoa, así como un aumento da dotación orzamentaria das axudas de compensación de custos de emisións indirectas de CO2 ata o máximo legalmente permitido pola normativa europea e que se autoricen, sen máis dilación, os parques eólicos de competencia estatal vinculados a contratos a longo prazo para a produción de enerxía a prezos competitivos (PPAs) que prevén fornecer á factoría.

 

0.16913104057312