Mondoñedo estrea o vehículo de documentación que evitará desprazamentos para renovar o DNI

AMariñaXa
A subdelegada do Goberno presentou en Mondoñedo o VIDOC, unha unidade pioneira que evitará desprazamentos a comisarías noutras localidades
dni
Traballos arqueolóxicos en San Vicente de Trigás
11 Apr 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presentou en Mondoñedo o novo Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) da Policía Nacional, un servizo itinerante que permitirá a emisión e renovación do DNI e do pasaporte sen que a cidadanía teña que desprazarse a comisarías fóra do seu concello.

Durante o acto, celebrado na Praza do Seminario, Rodríguez estivo acompañada polo comisario xefe provincial da Policía Nacional, Luis Miguel Romera Pérez, e polo alcalde mindoniense, Manuel Ángel Otero Legide. A subdelegada salientou que esta medida supón “unha aposta decidida por mellorar os servizos públicos no rural e por achegar a Administración á veciñanza de zonas que ata agora non contaban con este tipo de facilidades”.

O novo vehículo móbil, que vai acompañado doutro de apoio rotulado, comeza a súa actividade en Mondoñedo e percorrerá outros seis municipios da provincia: Sarria, A Fonsagrada, Ribadeo, Vilalba, Becerreá e Chantada. Rodríguez puxo en valor a iniciativa, destacando que “a orografía complicada, a dispersión da poboación e o envellecemento demográfico dificultaban ata o de agora o acceso á tramitación presencial de documentos tan básicos como o DNI ou o pasaporte”.

Grazas a este servizo, a cidadanía poderá realizar estes trámites no propio concello, recibindo os documentos no mesmo día e en apenas dez minutos, segundo explicou a subdelegada. “Damos resposta directa ás necesidades das persoas que viven no rural, eliminando desprazamentos innecesarios e reducindo esperas”, afirmou.

Rodríguez tamén subliñou que achegar a Administración aos territorios máis afastados é fundamental para garantir a igualdade de oportunidades e fixar poboación. “Con iniciativas coma esta construímos unha Administración máis próxima, moderna e útil para todos, sen importar onde vivan”, afirmou.

O servizo do VIDOC non só facilitará a expedición e renovación de documentos, senón que tamén permitirá actualizar certificados dixitais grazas ao Punto de Actualización de Documentación (PAD) incorporado no propio vehículo. Este sistema complementarase cos PAD fixos que se están a instalar en diversos concellos da provincia, ofrecendo novas opcións para manter a documentación ao día sen saír da contorna habitual.

Esta iniciativa forma parte do Plan de Identidade Dixital da Dirección Xeral da Policía Nacional, financiado a través dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Supón, segundo destacou a subdelegada, “un paso importante na modernización da prestación dos servizos públicos e na súa adaptación á realidade do rural galego”.

Rodríguez concluíu asegurando que o Goberno seguirá traballando para garantir que as pequenas vilas conten con servizos públicos de calidade e plenamente operativos. “Queremos que a distancia nunca máis sexa un obstáculo para exercer dereitos fundamentais como a identificación ou a mobilidade persoal”, rematou.

⚙ Configurar cookies
0.16552209854126