O novo hospital asilo de Ribadeo avanza a bo ritmo mentres continúa o cruce de acusacións co BNG

AMariñaXa
O Concello prepara a licitación do equipamento cunha partida de 400.000 euros e defende a súa xestión fronte ás críticas da oposición
261021-Foto-Concello-Ribadeo
8 May 2025

As obras de rehabilitación do hospital asilo de Ribadeo progresan sen atrasos, segundo informou a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra. O goberno local prevé licitar nas vindeiras semanas o equipamento das instalacións, para o cal xa dispón dun orzamento reservado de 400.000 euros.

Sierra asegurou que os traballos están a desenvolverse dentro dos prazos previstos, malia a complexidade estrutural do inmoble. A edil lamentou as críticas vertidas polo BNG, ao que acusa de “manipular a realidade e cuestionar de forma inxustificada o labor dos técnicos municipais”.

Segundo explicou, “unha das dificultades atopadas foi que unha parte do edificio estaba destinada antigamente á vivenda das monxas. O BNG, sabendo que as relixiosas non ían continuar coa xestión do centro, decidiu manter esa zona no proxecto orixinal, malia ser advertido polos técnicos de urbanismo e de servizos sociais. Agora, esa parte terá que ser reformada para albergar catro habitacións individuais, mantendo o mesmo número de prazas dispoñibles pero con mellores condicións para os usuarios”.

A concelleira defendeu a actuación do actual executivo local, asegurando que “cando chegamos ao goberno atopamos unha obra sen licitar e sen arquitecto técnico. Sen ningunha planificación nin xestión avanzada”. Engadiu que o novo equipo de goberno foi quen de mobilizar 700.000 euros para suprimir un crédito contratado polo anterior executivo, e que agora xa está preparada unha nova partida de 400.000 euros destinada ao equipamento.

Sierra tamén criticou a actitude do BNG durante a pandemia, acusándoo de “despreocuparse totalmente da situación dos usuarios da residencia”. Segundo dixo, “foi o actual alcalde quen, con xestións ante a Xunta, logrou garantir atención para todas as persoas residentes”. E rematou a súa intervención denunciando que a oposición está a “utilizar de novo a residencia como ferramenta política, creando medo entre as familias en vez de colaborar”. “Nós seguiremos traballando para que Ribadeo teña a mellor residencia posible”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16444492340088