O Museo da Carpintería de Ribeira de San Cibrao mellorará a súa accesibilidade e seguridade

AMariñaXa
O Concello de Cervo executa obras financiadas cunha achega de 72.748,29 euros do GALP para acondicionar o edificio e impulsar actividades de divulgación dos antigos estaleiros da ría de Lieiro
obras-Museo-da-Carpintería-de-Ribeira-de-San-Cibrao-Cervo
15 Oct 2026

O Museo da Carpintería de Ribeira de San Cibrao está a ser obxecto de traballos de mellora para acondicionar as instalacións e reforzar o seu papel na conservación e difusión da tradición mariñeira de Cervo. A intervención permitirá adaptar o edificio ás necesidades da súa actividade cultural e divulgativa, con melloras na accesibilidade e nas condicións de seguridade.

As obras contan cunha subvención de 72.748,29 euros do GALP e inclúen a reparación da cuberta, o tratamento dos elementos de madeira e a adecuación dun aseo accesible. Tamén se instalarán novas infraestruturas eléctricas e de iluminación e incorporaranse medidas de protección contra incendios e outros elementos de seguridade.

O proxecto vai máis alá da renovación do inmoble, xa que tamén contempla a organización de actividades divulgativas no propio museo. Estas propostas estarán centradas na carpintería de ribeira, nos oficios tradicionais relacionados co mar e na relevancia histórica dos estaleiros que existiron na ría de Lieiro.

A iniciativa busca achegar este patrimonio á veciñanza e ás persoas visitantes, facilitar a transmisión dos coñecementos vinculados á cultura mariñeira e consolidar o museo como un recurso cultural, educativo e turístico.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández visitaron os traballos para comprobar o avance da intervención. García Caramés salientou a importancia de conservar a memoria dos estaleiros tradicionais e de mellorar as instalacións para garantir que este legado poida transmitirse en condicións adecuadas.

O museo forma parte do Ecomuseo Terras de Azul Cobalto, un proxecto cultural que percorre diferentes ámbitos da historia e do patrimonio de Cervo. O espazo permite coñecer a tradición dos estaleiros de ribeira da ría de San Cibrao e comprender a importancia que a actividade marítima tivo no desenvolvemento da localidade.

0.15281701087952