O metal de Lugo desconvoca a folga tras aprobar o acordo laboral

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa
As asembleas dos convenios de Siderometal e Comercio do Metal respaldaron o pacto con 83 votos a favor e 44 en contra, segundo informou Comisións Obreiras
folga-concentracion-manifestacion-do-metal-en-Lugo
27 Oct 2026

Os traballadores e traballadoras dos sectores de Siderometal e Comercio do Metal de Lugo acordaron desconvocar a folga tras aceptar o pacto alcanzado na negociación colectiva. A decisión adoptouse nas asembleas celebradas en Lugo e A Mariña, nas que o acordo recibiu 83 votos favorables e 44 contrarios, segundo informou Comisións Obreiras (CCOO).

O pacto contempla unha subida salarial acumulada do 18 % entre 2026 e 2029. O incremento distribuirase en catro anualidades: un 5 % en 2026, un 4,5 % en 2027, outro 4,5 % en 2028 e un 4 % en 2029.

Entre as medidas acordadas figura tamén unha cláusula de revisión salarial vinculada ao Índice de Prezos de Consumo (IPC), con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de cada ano e sen límite, así como o aboamento dos atrasos correspondentes.

O acordo inclúe, ademais, unha redución de oito horas na xornada laboral anual e a ampliación de 20 a 24 horas anuais para acudir a consultas médicas de atención primaria. Este tempo tamén poderá empregarse para acompañar familiares de primeiro grao a estas citas.

O documento recolle outras melloras relacionadas cos permisos laborais, as dietas, as horas extraordinarias, as gardas e a clasificación profesional, entre outras cuestións.

Desde CCOO consideran que a folga e o proceso negociador permitiron avanzar nas condicións salariais e laborais do sector, aínda que inciden na importancia de que se cumpra o acordado.

0.14531588554382