O Mercado Medieval de Mondoñedo volverá encher de historia e tradición as rúas da cidade

Mondoñedo xa quenta motores para a celebración da XXXIV edición do seu Mercado Medieval, que regresará ás rúas do casco histórico entre o 7 e o 9 de agosto cunha programación na que a historia, a cultura e a tradición volverán ser as grandes protagonistas. A cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, reunirá durante tres días a milleiros de persoas nun evento que cada verán converte a cidade nun auténtico escenario da Idade Media.
A Xunta de Galicia manterá un ano máis o seu apoio a esta celebración, organizada pola Asociación Amigos do Mercado Medieval en colaboración co Concello de Mondoñedo. Durante a presentación do evento, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou a capacidade desta festa para dinamizar o municipio e atraer visitantes de diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades.
O Mercado Medieval volverá ofrecer un amplo percorrido por distintos oficios tradicionais grazas á presenza de artesáns que realizarán demostracións en directo de fiandería, palillería, ouriveiría ou traballos en coiro. Ademais, a Praza da Catedral converterase nun espazo dedicado á creación artesanal, con mostras de cerámica, serigrafía, la e monicreques elaborados por profesionais do barrio dos Muíños.
A gastronomía tamén terá un papel relevante, coa presenza de numerosos postos de venda de produtos agroalimentarios de proximidade, que permitirán dar visibilidade á calidade das elaboracións locais e da comarca.
Ao longo da fin de semana non faltarán os desfiles históricos, as representacións teatrais, a música en directo e as exhibicións de cetrería, ás que se sumarán numerosas actividades pensadas para o público infantil, como o campamento medieval, xogos tradicionais, contacontos e espectáculos de monicreques.
Con esta nova edición, Mondoñedo reforza o seu papel como un dos principais destinos culturais do verán en Galicia, ofrecendo unha proposta que combina patrimonio, turismo e lecer nunha contorna histórica única.