O Maderas Barcia Cervo Lourenzá foi felicitado polo Concello pola gran tempada que está a colleitar
O Concello de Cervo vén de felicitar aos integrantes do club de atletismo Maderas Barcia Cervo Lourenza polo gran papel que están a facer nos diferentes campionatos desputados nos últimos meses, cuxo último logro foi protagonizado por Mara Kruger Mosquera e por Jesús García, que se fixeron co ouro autonómico, nas categorías Benxamín feminina e masculina, respectivamente, no campionato de Cros Federado que tivo lugar o pasado 20 de xaneiro en A Rúa, Ourense.
A rexedora, Dolores García Caramés, mantivo un encontro cos integrantes do club nas pistas de atletismo da Veiga para trasladarlles os parabéns en persoa a todos os seus corredores e corpo técnico, e de xeito especial a Mara a Jesús, e tamén a Pedro Moirón Soto, campión galego Infantil de Cros Xogade en 2500 mts, o pasado 13 de xaneiro, en Ribadavia.
Títulos que se suman aos logrados a finais do pasado ano no provincial de Campo A Través Xogade, celebrado en Cangas de Foz, con 4 pratas para os equipos benxamín e alevín, masculino e feminino.
Todos eles recibiron un caloroso recoñecemento por parte do Concello de Cervo e dos seus compañeiros e familias nas instalacións municipais, e brindáronlle ao Concello estes catro trofeos conseguidos, entregándollos á alcaldesa durante o acto.