O Maderas Barcia Cervo cambia as pistas pola praia para colaborar na limpeza da Caosa

O Club de Atletismo Maderas Barcia Cervo trasladou por unhas horas a súa actividade fóra das pistas para participar no coidado da contorna. Integrantes da entidade deportiva levaron a cabo unha xornada de limpeza na praia da Caosa, unha iniciativa coa que buscan contribuír á conservación dos espazos naturais do municipio.
A actuación desenvolveuse na tarde deste mércores e forma parte dun novo Plan de Acción de Alcoa promovido polo propio club, que contou nesta ocasión coa colaboración do Concello de Cervo.
Durante a actividade, os participantes percorreron o areal realizando labores de limpeza e contribuíndo a acondicionar este espazo costeiro. A iniciativa permite así combinar a actividade asociativa do Maderas Barcia Cervo cunha vertente ambiental e de concienciación sobre a importancia de conservar os lugares de uso común.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia durante o desenvolvemento dos traballos e agradeceu ao club tanto a organización da iniciativa como a implicación dos seus integrantes.
A rexedora puxo en valor a participación das asociacións locais en propostas que vaian máis aló da súa actividade habitual e que teñan repercusión no conxunto da cidadanía. "Accións coma esta demostran o compromiso do noso tecido asociativo coa conservación da nosa contorna e coa mellora dos espazos que compartimos", destacou.
Desde o Concello incidiron tamén na importancia da colaboración entre entidades para desenvolver actuacións destinadas ao coidado dos espazos naturais. A xornada da Caosa súmase deste xeito ás iniciativas impulsadas polo Maderas Barcia Cervo ao abeiro do Plan de Acción de Alcoa, incorporando a protección ambiental ao traballo que a entidade realiza habitualmente no ámbito deportivo.