O luns dará comezo a intervención arqueolóxica na Cova de San Xoan Vello en Covas
O Concello de Viveiro informa que o próximo luns 25 de outubro dará comezo da intervención arqueolóxica na Cova de San Xoan Vello, en Covas. Este proxecto está promovido polo Concello de Viveiro e Síncrisis, grupo investigación da Universidade de Santiago de Compostela centrado na xeración de coñecemento histórico, histórico-artístico ou filolóxico e á implementación de ideas, técnicas ou modelos de investigación sobre o patrimonio histórico e cultural.
“É a nosa responsabilidade como goberno local impulsar todas aquelas accións que contribúan ao enriquecemento do noso patrimonio e que nos permitan descubrir máis sobre a nosa historia”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
O lugar da intervención está incluído no Inventario de xacementos arqueolóxicos de Galicia coa denominación Cova de San Xoán Vello / A Poceira, con clave de identificación GA27066032, dende xuño de 2017.
Con esta intervención, o Concello de Viveiro desexa actuar no xacemento co obxectivo de proceder á súa documentación, caracterización e investigación, así como á datación dos restos alí conservados e a valoración da potencialidade do xacemento, iniciativa á que responde o presente proxecto.
A actuación prevista inclúe a realización de dúas sondaxes arqueolóxicas, unha na zona da boca da Cova e outra no seu interior, co obxectivo de documentar pavimentos e estruturas vinculadas á igrexa así como a súa posible ábsida.
As sondaxes a realizar terán unhas dimensións aproximadas de 2x2 metros, aínda que o tamaño e disposición das mesmas poderá ser modificado en fase de execución.
Tamén se prevé realizar dúas datacións no caso de atopar morteiros nos muros que presenten un bo estado de conservación para desenvolver este tipo de análises.
O prazo de execución desta intervención é de 4 xornadas para a realización das sondaxes. No caso de que durante a execución desta intervención se produza algún achado, procederase a dar coñecemento ás autoridades competentes na materia.
O xacemento da Cova de San Xoán Vello ábrese nun cantil sobre a ría de Viveiro no lugar da Poceira, parroquia de San Xoán da Cova, de difícil acceso. Sábese que neste lugar atopábase ata mediados do século XVIII [ata 1738 segundo Donapetry (1953)] a igrexa parroquial de San Xoán da Cova, momento no que se trasladou a igrexa á súa actual localización dados os problemas de acceso e de ruína, conservándose na cova o topónimo de San Xoán Vello.