O libro fotográfico 'Ferra-lo vento' de Adra Pallón pon en valor a cultura besteira do Xistral

TerraChaXa | AMariñaXa
Adra Pallón, Belén Cordero e Neves Neira explicaron o proceso creativo do libro, que documenta a pegada do cabalo na cultura e no territorio
presentacion-libro-xistral-puraga
19 Nov 2026

O Pazo de San Marcos acolleu este mediodía a presentación do libro fotográfico Ferra-lo vento de Adra Pallón, unha iniciativa editorial promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e por Puraga para documentar e poñer en valor a pegada do cabalo na cultura e no territorio, nomeadamente no Xistral.

O Salón de Actos encheuse de público para seguir o acto no que Adra Pallón, Belén Cordero, directora artística do libro, e Neves Neira, autora do texto que pecha o libro, debullaron as conversas con gandeiros e gandeiras, xornadas no monte e investigación creativa e técnica que deviron na edición do volume, que contou tamén con contribucións do responsable do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación Brais García.

As marcas coas que as ganderías identifican os animais do monte son a referencia conceptual e gráfica que fía o contido da publicación, un documento único pola súa vontade de rexistrar unha forma de vida e un patrimonio que só adquire dimensión e recoñecemento público en datas como as rapas ou As San Lucas.

Daniel García explicou que “Ferra-lo vento é o noso recoñecemento a todos os gandeiros e gandeiras que mantedes viva día a día a cultura do cabalo nos montes co voso esforzo e compromiso. Grazas a todos e todas por transmitir este coñecemento en torno á cultura besteira de xestión do territorio, herdada de xeración en xeración”.

O responsable de Rural destacou que “o cabalo de pura raza galega desempeña un papel de incalculable valor nos nosos montes, tanto dende un punto de vista de xestión territorial, dinamización social e das feiras gandeiras locais, preventiva dos lumes e conservando unha tradición cultural e natural que profundiza no cerne do noso país, eminentemente rural e gandeiro”.

O acto concluíu cunha homenaxe a Luciano García, da gandería Xan das Bouzas, falecido o pasado mes de xullo, promotor da baixada dos cabalos das San Lucas e fundador de Puraga. O labor da asociación tamén se recoñeceu coa entrega dun agasallo ao seu presidente Miguel Ángel Pernas.

Ferra-lo vento

O libro reúne máis dun centro de fotografías, agrupadas en tres partes, que xiran arredor da relación entre os animais, os besteiros e besteiras e a paisaxe.

A primeira parte do libro sitúa as bestas no seu medio natural. As imaxes detéñense nos corpos, nas greas e na paisaxe, entre a néboa, a neve e a turbeira. O territorio non aparece como un fondo inerte, senón como algo que participa da existencia dos animais e deixa pegadas sobre eles, igual que eles modifican o espazo ao percorrelo. Na segunda parte, o libro entra de cheo na relación entre as bestas e os besteiros.

Acompaña as súas prácticas no monte, os labores de procura e recollida dos animais, os curros, as feiras, as rapas e os procesos de amansamento. A proximidade entre persoas e cabalos revela un coñecemento construído ao longo do tempo, feito de observación, habilidade e experiencia, pero tamén deixa ver a tensión entre o coidado e o control, entre o vínculo e a imposición.

A terceira parte introduce un cambio de perspectiva. A tensión visual dá paso a unha composición máis repousada e os besteiros aparecen retratados cos seus cabalos nos lugares e nas posicións desde os que eles mesmos desexan mostrarse. Despois de acompañalos nas súas prácticas e observar as relacións que establecen coas bestas, o libro ábrelles un espazo para decidir como presentarse ante a cámara.

A publicación documenta tamén unha trintena de marcas coas que as ganderías identifican aos seus animais do monte.

0.15488505363464