O Laser Tag súmase á programación estival de As Noites de Foz

O programa “As Noites de Foz” continúa coa súa proposta de ocio alternativo para a mocidade coa incorporación dunha nova actividade: o Laser Tag, unha experiencia de estratexia e habilidade que permitirá aos participantes gozar dunha noite diferente ao aire libre.
A iniciativa terá lugar os días 27 e 28 de xullo, a partir das 22.00 horas, no Parque Rosalía de Castro e no Campo da Cabana, e estará aberta a persoas maiores de 10 anos. O Concello anima á veciñanza a participar nesta proposta que busca ofrecer espazos de encontro e diversión durante as noites do verán.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición antes das 00.00 horas do domingo 26 de xullo. Para anotarse, será necesario descargar a folla de inscrición e a autorización correspondente a través da páxina web municipal e envialas ao correo electrónico asnoites@concellodefoz.es
.
O Laser Tag será só unha das actividades incluídas nesta programación estival, que continuará nas próximas semanas con novas propostas pensadas para o público xuvenil. Así, o calendario de “As Noites de Foz” incluirá tamén o Wipeout, previsto entre o 3 e o 5 de agosto; o volei praia, do 11 ao 13 de agosto; o fútbol praia, do 17 ao 19 de agosto; e o baloncesto 3x3, que pechará a programación do 24 ao 26 de agosto.
Coa organización destas actividades, o Concello pretende fomentar un ocio saudable e participativo, ofrecendo alternativas deportivas e lúdicas para aproveitar o período estival e favorecer a convivencia entre a mocidade do municipio.