O Korreo, Castro e Burela gañan as tres finais da Copa Deputación de fútbol sala

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa
Derrotaron ao Insuas do Miño na Primeira, o Luisitalia en Segunda e ao Ribeira na feminina
korreo-guitiriz-fs-copa-deputacion
2 Nov 2024

Despois de cinco xornadas, a Copa Deputación de Fútbol sala sénior chegou ao seu final, unha competición non oficial que patrocina a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e na que participaron 40 equipos de 3ª División Nacional Masculina, Preferente Masculina, 1ª e 2ª Autonómica Masculina, Preferente Feminina e 1ª Autonómica Feminina.

Despois das fases anteriores, o pavillón Jonathan Carro de Guitiriz foi o escenario das tres finais, dous na masculina e unha na feminina.

Na Primeira División, o Korreo Guitiriz gañou con moita solvencia ao Insuas do Miño Galical Rábade (8-0). O guitiricense xa vencera ao Lugo Sala, Meigallos e Praias de Barreiros nas fases anteriores.

Na Segunda División Masculina o FSF Castro superou por un axustado 6-5 ao equipo sarriao Luisitalia. O primeiro venceu ao Punto de encuentro na semifinal e anteriormente ao Cubelas e Samos Fútbol. A primeira parte foi un monólogo do chairego que ampliou o marcador ata o 4-0. Na segunda, o visitante recuperou terreo ata chegar a estar empatados 4-4 e despois 5-5. O gol da vitoria entrou sobre a bucina.

Na feminina, o Burela B derrotou ao Ribeira por 2-5. O equipo mariñao foi o último en clasificarse, logo de vencer esta semana ao Praias de Barreiros. Anteriormente goleou ao Meigallos. Foron as luguesas as que abriron a caixa dos goles xa no 4', aínda que ao minuto seguinte as laranxas xa tiñan empatado e lograron abrir fenda ata o 1-4 antes da pausa. Na segunda metade, o Burela B volveu marcar e achegouse pouco despois o Ribeira de novo.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro entregou os premios aos equipos campións e subcampións, aos que felicitou polo xogo e a emoción coa que disputaron as finais e destacou o interese e a expectación que espertaron nos partidos, que encheron de público o pavillón guitiricense.

A Vicepresidencia da Deputación financia a Copa cunha achega de 22.200 euros (un dez por cento máis que na última edición) que se distribúe entre os equipos con premios en función dos partidos disputados e das eliminatorias superadas (entre 200 e 385 euros), e premios a maiores para os equipos campións (entre 550 e 800 euros) e subcampións (300 e 450 euros) de cada categoría.

castro-fs-copa-deputacion
0.13136196136475